Eleccións Europeas 9-X

A participación nas eleccións europeas ás 18 horas na Galiza é 11 puntos menos que en 2019

(Imaxe: Ministerio do Interior)
É de 39%. Hai cinco anos foi de 50,20% pero ese ano na mesma xornada coincidiran europeas e municipais.

A participación nas eleccións europeas deste domingo sitúase na Galiza en 39,02% ás 18:00 horas da tarde, ao exercer o voto case 867.000 persoas. Supón un descendo de 11,19 puntos con respecto aos comicios á Eurocámara de 2019, cando foi de 50,20%, e votaran 1.127.863 persoas, mais hai que ter en conta que entón coincidiron cunhas municipais.

Con todo, se se compara o dato co de 2014, cando igual que este ano se realizaran eleccións europeas de maneira illada, a asistencia dos galegos e galegas ás urnas subiu 5,25%, fronte ao 33,76% de entón.

Por provincias, esta tendencia é unánime nas catro galegas. Ourense mantense como a máis mobilizada no segundo avance de participación, con 40,04%. Pese o descenso de doce puntos con respecto a hai cinco anos, é un aumento de case catro sobre o mesmo dato de 2014. En Pontevedra, acudiu a votar até esa hora 39,35% do censo, máis de once puntos menos que en 2019 pero case cinco máis que en 2014.

Mentres tanto, na Coruña foi ás urnas 38,57%, unha baixada de dez puntos e medio con respecto ao anteriores pero seis máis que hai unha década, a última vez que os comicios europeos non coincidiron con ningunha outra cita.

Finalmente, en Lugo a participación até as 18:00 horas situouse no 38,57%. Neste caso, a caída é de máis de doce puntos porcentuais sobre 2019, pero cinco puntos máis que en 2014.

En todo o Estado, a participación ás 18:00 horas situouse en38,35%, por baixo do dato galego, a pesar de que no avance das 14:00 horas era ao revés. O dato estatal é once puntos inferior ás de 2019, mais está catro puntas por riba das de 2014.

As sete cidades

Nas sete cidades, a maior participación ás seis da tarde foi en Compostela, con 41,2%. En segundo lugar figura Pontevedra, con 40,48 e síguelles A Coruña, con 40,3%. En Vigo foi de 40,05%, Ferrol 38,9% (18 puntos menos que en 2019) e en Ourense 38,2% e Lugo 37,68%.