Sesión de control: Pontón critica os recortes e Rueda acúsaa de desprestixiar a sanidade

Alfonso Rueda, Ana Pontón e Gómez Besteiro (Foto: Nós Dairio)
A situación da sanidade pública galega centrou esta cuarta feira a sesión de control no Parlamento ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. 

A líder da oposición e portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, recriminou ao mandatario os recortes do Goberno galego en Atención Primaria nos últimos anos, 2.139 millóns de euros menos que, dixo Pontón, teñen provocado “listas de agarda de dúas semanas para ser atendidos nos centros de saúde, 11.000 nenos e nenas sen pediatra ou 28.000 hospitalizacións que se poderían ter evitado”. Diante destas cifras, Rueda recorreu á sanidade catalá e aseverou: “Eu estiven na campaña porque me chamaron para falar da boa imaxe que ten a sanidade galega”

Pontón lembrou ao presidente que “estamos no Parlamento galego, sitúese, é vostede o presidente da Xunta, non un 'correvaiedille' dos argumentos de Xénova”. Rueda rebateu as cifras do BNG recorrendo aos investimentos en sanidade do bipartito na Xunta (2005-2009), aínda que si recoñeceu un descenso no gasto farmacéutico, que atribuíu á chegada dos xenéricos. 

Pontón asegurou que os problemas actuais da sanidade pública galega “son consecuencia das decisións ideolóxicas do PP: deteriorar a sanidade pública para beneficiar a privada e facer negocio coa saúde dos galegos e das galegas”. Rueda respondeu de novo con Catalunya e referiuse a un titular de prensa arredor da política sanitaria de ERC na Generalitat, “acaso non é ideoloxía concentrar a atención pediátrica?”.

A cobertura das prazas MIR foi outro dos debates do pleno entre Rueda e Pontón. A nacionalista recriminoulle que na última convocatoria “deixaran sen cubrir 42 prazas de médicos e médicas de familia, a cuarta comunidade do Estado con máis prazas sen cubrir”. O presidente da Xunta recoñeceu: “Gustaríame que se cubriran todas, pero este ano foron o dobre do último ano do bipartito [2009]”. 

Ana Pontón explicou as propostas do BNG en Atención Primaria, “blindando por lei un mínimo de 25% do orzamento do Sergas, excluído o gasto sanitario”. A nacionalista dixo a Rueda que a situación da safontnidade galega “non se soluciona con palabras nin cambiando de sitio os responsábeis”. 

O presidente explicou que “renovamos o Goberno para seguir mellorando”. Recoñeceu Rueda que “hai fallos e traballamos para que as cousas melloren”.

Máis e mellor democracia

Tamén Rueda contestou ao ofrecemento “limpo e honesto” do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, “dunha aposta por máis e mellor democracia” na Galiza. Besteiro pediu a Rueda “máis transparencia” en cuestións como a información parlamentaria, o Consello de Contas ou a CRTVG. O presidente galego apelou de novo ao “sentidiño” para defender o “estilo Galiza” e acusou o voceiro socialista de “facer seguidismo do que lle di o seu partido en Madrid”. No debate entre Rueda e Besteiro colouse ademais a gratuidade da AP-9, que serviu aos líderes do PP e do PSdeG para cruzarse acusacións. Rueda lembrou a Besteiro que “dixo en campaña que a AP-9 ía ser gratuíta e comprometeu tamén a Pedro Sánchez”. O socialista reprochou a Rueda que “o PP votou onte aquí [o Parlamento] en contra das bonificacións” nesta autoestrada, ao que Rueda respondeu afirmando que “vostede prometeu que será gratis, así que nós imos a por todas”.