Viaxe a bordo do Avril: a posta en marcha o 21 de maio dos trens S-106 abre un novo tempo
Chegou o ministro Óscar Puente na viaxe de presentación dos arelados trens Talgo Avril, que se foron atrasando e desde o día 21 de maio se incorporan ás rutas habituais de grande e media distancia. A Madrid, a duración da viaxe desde A Coruña e Vigo reducirase a pouco máis de 3 horas e rondarán as 2 desde Ourense, lográndose en boa parte do traxecto velocidades punta e prolongadas superiores aos 300 km/h. Segundo explicaba Óscar Puente nesta derradeira viaxe comercial de proba, "a punta de velocidade da máquina podería chegar aos 380 km/h, pero por razóns de diferente índole non se debe chegar a esa prestación".
En todo caso, os novos trens permiten unha interoperabilidade entre diversos anchos de vía e tensións eléctricas e no traxecto de Galiza a Madrid prodúcense sen dificultade estas diversas situacións, sen que se resinta a operatividade dos trens.
Os Talgo Avril entran no parque de comboios que compartirán a denominación S-106, formacións que terán diferentes combinacións de asentos (5 ou 4 por fileira), o que permite ampliar a oferta de prazas, sendo a capacidade dunha unidade convencional de 538 asentos. Os novos trens tamén circularán axiña no corredor Vigo-A Coruña. Nunha primeira etapa será con catro unidades e iranse ampliando até substituír todos os trens actuais.
Chuvia de datos
A expedición ministerial, que partiu de Madrid coa presenza da alcaldesa da Coruña, Inés Rei, converteuse nunha viaxe institucional completa ao subir no tren en Compostela o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e o conselleiro Diego Calvo, entre outros cargos autonómicos. Foi o presidente galego o primeiro en coñecer de primeira man os anuncios do despregue dos novos trens, cuxo atraso servíralle de munición electoral nas pasadas eleccións galegas.
O ton, como despois se confirmou no acto central de presentación co Plan Directorio do Corredor Atlántico no Palacio de María Pita da Coruña, foi de plena sintonía e amabilidade, ben lonxe do habitual clima político de enfrontamentos. O comisionado José Antonio Sebastián foi o encargado de explicar en que consistirá o Plano Directorio e cales serán os prazos para os investimentos previstos nos próximos anos: dos 4.561 millóns totais para impulsar a Rede Transeuropea de Transporte, 3.355 teñen que ver coas infraestruturas ferroviarias, tanto en relación a viaxeiros como a mercadorías, destacando Sebastián a aposta por conectar portos e trens, con prioridade ao Porto Exterior da Coruña, no que até 2026 se gastarán 124 millóns de euros que, explicou Puente, "permitirá conectar por tren co porto interior e o Corredor Atlántico, con máis de 5 km de túneles, que axudarán o movemento de mercancias potenciando a intermodalidade barco-tren, que é unha prioridade para o Goberno".
Aproveitando que estaba na Coruña o ministro de Transporte tamén falou da urxencia de transformar o porto interior para facer viábel a situación económico-financeira da autoridade portuaria da Coruña, reestruturando a súa débeda e consensuando os usos das 80 hectáreas que se liberarán.
Nos anuncios realizados por Puente, este tamén se referiu ás conexións de Ferrol e Lugo coa rede de alta velocidade principal, que se axilizarían coa entrada de trens S-730, que permiten a combinación de tracción eléctrica e diésel. O desglose de cifras foi a constante das intervencións, ademais dos anuncios de querer ir da man, no seguimento dos novos proxectos, coa Xunta e outros sectores sociais, empresariado e representantes dos traballadores, tamén presentes nos actos de María Pita.
En infraestruturas viarias até 2030 serán 801 millóns, sendo as principais obras na A-55, AC-11 e AP-9. E nas cidades serán 436 millóns os previstos especialmente para as remodelacións e modernizacións das estacións intermodais da Coruña, Lugo, Vigo, Santiago e Ourense, esta última con obras a comezar neste mesmo mes de maio, o que quizais explique a presenza en todo o periplo ministerial do alcalde, Gonzalo Pérez Xácome.
Aínda que o Comisionado fixo un percorrido minucioso por todos os mapas actuais e futuros, non se falou de datas ou prazos concretos para ese outro corredor atlántico principal para vertebrar a economía galega e portuguesa, entre Ferrol e Lisboa. O Comisionado só falou das melloras na infraestrutura do tramo Guillarei-Tui, e sinalou que a futura ponte internacional deberá ser obxecto de acordos intergobernamentais.
Segundo a información ministerial, moitas das actuacións do plan presentado corresponden a desenvolvementos que aínda que teñen o horizonte en 2050 "o Goberno adianta a 2030 para mellorar a conectividade e intermodalidade da Galiza".
Viaxe nun tren moderno e veloz, despois dunha longa espera
Ás 8 da mañá saíu de Madrid o Talgo Avril que chegou á hora calculada, ás 10, á estación de Ourense, a cidade que xa vira chegar outro tren soñado hai 143 anos Curros Enríquez no seu sempre rememorado poema. Desta volta foi Luísa Villalta a escritora recitada por Inés Rei no seu discurso de benvida ao novo e moderno tren Avril como vehículo de progreso e transformación económica.
Óscar Puente describiu a infraestrutura ferroviaria, o parque de trens de alta velocidade e as empresas fabricantes de trens como Talgo, entre as tres mellores do mundo. A unidade na que esta quinta feira viaxamos os xornalistas no tramo galego Ourense-A Coruña promete cumprir coa alta velocidade aínda que pasasen décadas desde as primeiras datas que anunciara como ministro Abel Caballero no século XX.