O ministro Óscar Puente asegura que Galiza gaña prazas "e frecuencias" cos trens Avril e di que Avlo chegará "xa"

Son os novos trens de alta velocidade da serie 106 de Renfe, que Talgo entregou a finais de abril e que estarán operativos na Galiza desde a vindeira terza feira.

oscar peunte avril
photo_camera O ministro á súa chegada a Ourense a bordo do Avril (Foto: Ministerio)

O ministro de Transportes, Óscar Puente, asegurou que a Galiza non só gañará prazas "senón tamén frecuencias" coa chegada dos trens Avril e engadiu que a marca de baixo custo de Renfe, Avlo, comezará a operar na Galiza "xa".

Así o sinalou esta quinta feira nunha viaxe de simulación comercial dos novos S106, que circulan a alta velocidade por diferentes anchos de vía, adaptándose ás infraestruturas galegas, o que permitirá a chegada do AVE a cidades como Santiago, Vigo ou A Coruña a partir do próximo 21 de maio.

En concreto, o tren saíu de Madrid pasadas as 07:30 horas, chegando a Ourense despois das 09:30 horas. Alí, foi recibido, entre outros, polo alcalde, Gonzalo Pérez Xácome, así como polo presidente da Confederación de Empresarios de Galiza, Juan Manuel Vieites. Despois, fixo parada en Compostela, onde foi recibido polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Durante o traxecto, Puente conversou cos medios de comunicación, entre eles Nós Diario, poñendo en valor a importancia dos novos Avril, cunha "altísima tecnoloxía" que lles permite mesmo operar con distintas tensións eléctricas, Óscar Puente destacou que, ao contar con máis de 500 asentos, multiplicarán por máis de dous o número de prazas dispoñibles entre Madrid e Galiza.

Preguntado sobre a petición da Xunta da Galiza, de que a chegada dos Avril non supoña unha redución de frecuencias, o ministro dixo que iso non ocorrerá, senón que "ao revés", xa que se gañarán "algunhas frecuencias".

 Aínda así, non especificou cantas nin a que horas, xa que explicou que nos próximos meses iranse adaptando á demanda

En relación á chegada de Avlo, o titular de Transportes subliñou que chegará "xa" a opción 'baixo custo'. Con todo, desde o Ministerio matizaron non operarán a partir do 21, como os Avril, senón que haberá que esperar uns meses.

Puente indicou que os Avril irán substituíndo aos anteriores S730, que se enviarán a outras rexións do esatdo onde son necesarios. O ministro reivindicou que é "un día moi importante para a Galiza" e para o tráfico de pasaxeiros por ferrocarril no Estado, sobre todo para a zona norte, lembrando que os Avril tamén serán utilizados en Asturias e en zonas do Mediterráneo.

Comentarios