Puente realizará esta semana unha viaxe entre Madrid e A Coruña para comprobar os trens Avril

O traxecto forma parte das viaxes de simulación comercial que está a levar a cabo Renfe para a posta en servizo dos novos trens o próximo 21 de maio entre a Madrid e Galiza.
O ministro español de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press).
photo_camera O ministro español de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press).

O ministro español de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, viaxará esta quinta feira, 16 de maio, entre Madrid e A Coruña nun dos novos trens de alta velocidade da serie 106 de Renfe, que Talgo comezou a entregar a finais de abril co nome comercial de Avril.

O tren partirá ás 7.30 horas da estación madrileña de Chamartín Clara Campoamor e parará en Ourense, Santiago de Compostela e A Coruña, segundo informou o Ministerio esta terza feira nunha convocatoria gráfica para a prensa.

O traxecto forma parte das viaxes de simulación comercial que está a levar a cabo Renfe para a posta en servizo dos novos trens o próximo 21 de maio entre a Madrid e Galiza e Asturias.

Estas simulacións comerciais, que se realizan co fin de medir, simular, practicar e comprobar todas as fases da propia explotación comercial, iniciáronse a finais de abril no percorrido Madrid-Asturias e regreso, con paradas en Segovia, Valladolid, Palencia, León e Oviedo.

Tamén se realizaron xa outras probas con viaxeiros e viaxeiras no traxecto entre Madrid e Vigo e regreso, con paradas en Zamora, Ourense, Santiago de Compostela, Vilagarcía (O Salnés) e Pontevedra.

Renfe xa ten formado ao seu persoal de condución e intervención a bordo para pór en servizo os novos AVE S106 en Asturias, aínda que estas viaxes de simulación comercial forman parte do proceso habitual da posta en marcha dun novo servizo con todos os seus compoñentes, para afrontar o día a día destes traxectos xa con viaxeiros e viaxeiras a bordo.

O traxecto realízase cos novos trens de Talgo modelo S106 (Avril), de rodadura desprazábel, aptos para viaxar polos traxectos entre Madrid e Galiza e Asturias. Son trens que ofrecen máis de 500 prazas e dispoñen de prestacións como cafetaría a bordo e pantallas táctiles en todos os asentos. A distribución dos seus 12 coches realízase entre butacas confort, cunha disposición de asentos 2 2, e de 3 2.

Comentarios