PP rexeita por cuarta vez crear unha comisión de investigación sobre o accidente de Angrois

[Imaxe Parlamento de Galiza]

Propón a elaboración dunha declaración institucional que inste a redacción dun "informe incontrovertido". 

Última sesión plenaria no Pazo do Hórreo antes das vacacións de verán e, após coñecérense as conclusións do informe elaborado pola Axencia de Seguridade Ferroviaria europea sobre o accidente de Angrois, o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, solicitou a modificación da orde do día para incluír a creación dunha comisión de investigación sobre o acontecido o 24 de xullo de 2013 na curva da Grandeira. 

O PP fixo unha proposición in boche para instar a aprobación dunha declaración institucional que requira un informe "incontrovertido" sobre o sinistro

O Bloque fíxoo co apoio dos grupos Mixto e de Alternativa Galega de Esquerda (AGE). Porén, máis unha vez --e van catro-- o grupo parlamentar do Partido Popular impediuno. Segundo o seu voceiro, Pedrou Puy, "témonos oposto e explicado por que esta Cámara non ten competencias". Desde o PP insisten en que ao Parlamento de Galiza non lle corresponde investigar sobre aqueles asuntos que non son competencia autonómica, neste caso o sistema ferroviario. Así as cousas, o Regulamento sinala que "o Pleno do Parlamento de Galicia, por proposta da Xunta, da Mesa, de dous grupos parlamentarios ou da quinta parte dos deputados membros da Cámara, poderá acordar a creación dunha Comisión de investigación sobre calquera asunto de interese público" (artigo 52.1). E existen precedentes, como a comisión de investigación após a catástrofe do Prestige, apoiada por Fraga. 

En troca, Pedro Puy propuxo aos demais grupos parlamentares unha reunión para a elaboración dunha "declaración institucional" na que se inste á creación dun "informe técnico incontrovertido" sobre o sinistro da curva da Grandeira no que faleceron 81 persoas e 152 resultaron feridas. 

Jorquera (BNG):  "Se queren coñecer a verdade o mellor é investigar"

Desde a bancada da oposición o PP só atopou a complicidade do PSOE que, para alén de apoiar a creación dunha comisión de investigación, reclamou ao grupo parlamentar popular unha proposta de declaración para a valorar. Pola súa banda, o BNG rexeitou a proposta in voce [a viva voz]" solicitada e asegurou que para poder elaborar un "informe incontrovertido" requírese que existe unha "comisión de investigación incontrovertida" e "a CIAF non o é". "Se queren coñecer a verdade", acrecentou, "o mellor é investigar" e que as persoas responsábeis se sometan ao control do Parlamento de Galiza, insistiu Jorquera. 

Tamén o voceiro de AGE, Antón Sánchez, rexeitou a proposta de Pedro Puy e criticou que "O PP vai a rastras" dos acontecementos propondo unha "declaración que non vale absolutamente para nada" mais que "para tapar as vergoñas do PP". 

Sánchez (AGE): "A declaración non vale para nada"

Desde o Grupo Mixto, Consuelo Martínez, sinalou que a petición do PP "vén recoñecer que a investigación foi unha fraude" polo que urxiu crear a comisión de investigación. 

Finalmente e, tras dúas votacións, cos votos en contra do PP (39) e a favor da oposición (33) a comisión foi rexeitada.