Rosón insiste en que a actuación dos edís de Compostela foi "leal" e "coherente"
A dirección local do PSdeG da capital galega iniciou os trámites para adoptar medidas disciplinarias contra os edís socialistas.
A concelleira socialista no Concello de Compostela, Mercedes Rosón, insistiu esta terza feira en que a actuación dos edís do Grupo Municipal foi "coherente" e "leal" coa postura defendida polo PSdeG en relación ás vivendas de uso turístico.
Nunhas declaracións difundidas aos medios, Rosón lembrou que esta mesma terza feira a ministra española de Vivenda, Isabel Rodríguez, pediu aos concellos nunha reunión coa Federación Española de Municipios e Provincias que asuman as súas competencias en materia de pisos turísticos, unhas declaracións que considerou "moi reveladoras".
"Santiago xa o fixo. Fixémolo o ano pasado ao aprobar unha modificación do plan xeral que puña couto a esta actividade económica e onte demos un paso máis, seguindo a folla de ruta que marcamos no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que nós modificamos, de forma coherente e leal co que hoxe, un día máis, vemos que defende o Partido Socialista", dixo.
Con estas palabras referíase Rosón á votación da nova regulación das vivendas turísticas decorrida na tarde da segunda feira no pleno extraordinario do Concello de Compostela. O PSdeG, que avanzara xa na sexta feira que se abstería, mudou á última hora a súa posición e anunciou, en boca de Rosón, que finalmente si apoiaría o texto.
"Sempre puxemos por diante os intereses xerais da cidade. Fomos pioneiros cando ninguén máis se atrevía a facelo. Santiago pasou de máis de 900 VUT no ano 2022 ás perto de 500 que hai a día de hoxe. Recuperamos vivendas para o aluguer tradicional; ao final, o tempo está a darnos a razón", sinalou Rosón, na súa intervención.
Medidas disciplinarias
A raíz disto, a dirección local do PSdeG en Santiago de Compostela iniciou os trámites para adoptar medidas disciplinarias contra os edís do grupo municipal que romperon a disciplina do voto ao apoiar a ordenanza.
"Ante a falta de cumprimento das normas do partido, a Agrupación Local do Partido Socialistas de Compostela informará á provincial, como órgano inmediatamente superior, para que se adopten as medidas disciplinarias oportunas segundo os estatutos", sinala un comunicado emitido pola dirección local.