A dirección do PSdeG compostelán abre expediente para adoptar medidas disciplinarias contra os edís municipais

"Ante a falta de cumprimento das normas do partido, a Agrupación Local do Partido Socialistas de Compostela informará á provincial, como órgano inmediatamente superior, para que se adopten as medidas disciplinarias oportunas segundo os estatutos", sinala un comunicado emitido pola dirección local.

O secretario xeral do PSOE compostelán, Aitor Bouza. (Foto: Europa Press)
photo_camera O secretario xeral do PSOE compostelán, Aitor Bouza. (Foto: Europa Press)

A dirección local do PSdeG en Santiago de Compostela iniciou os trámites para adoptar medidas disciplinarias contra os edís do grupo municipal que romperon esta segunda feira a disciplina do voto ao apoiar no pleno do Concello a ordenanza que regula a comunicación das vivendas de uso turístico (VUT).

"Ante a falta de cumprimento das normas do partido, a Agrupación Local do Partido Socialistas de Compostela informará á provincial, como órgano inmediatamente superior, para que se adopten as medidas disciplinarias oportunas segundo os estatutos", sinala un comunicado emitido pola dirección local.

A dirección local sostén que o Grupo Municipal Socialista no Concello actuou no pleno que decorreu na tarde da segunda feira "en contra dos acordos expresamente adoptados polos órganos locais de dirección do partido".

Segundo sinala a formación, o sentido de voto estabelecido pola Executiva local era a abstención ao considerar que a ordenanza que se aprobaba "non tiña ningunha incidencia nin na prohibición nin na legalización" das VUT.

"É necesario lembrar que en Santiago xa estaban prohibidas as vivendas de uso turístico no caso vello e limitadas na cidade desde as 2023 grazas, precisamente, ao Partido Socialista", inicia o comunicado, que subliña que o que esta segunda feira se aprobou no pleno "nada modifica o anterior" tendo en conta que só daba o visto e prace ao "formulario para as comunicacións previas".

A Executiva local argumenta que "todo isto se debe ao interese do Goberno local por levantar unha cortina de fume ante a imposibilidade para cumprir coas promesas electorais ás que se comprometeron durante a campaña".

Ante iso, a dirección incide en que o PSdeG da cidade actuou "en todo momento con responsabilidade" e "defendendo ante todo e por riba de todo os intereses dos veciños da cidade".

"A abstención proposta por esta dirección estaba motivada polo feito de someter ao pleno unha cuestión meramente administrativa que non necesita trámite plenario, nin entra no fondo do asunto", insiste a dirección, que critica tamén a "negativa" do goberno local a expor un acordo "máis amplo" e de "calado" como o proposto para "dar pasos para declarar zona tensionada a cidade" para "permitir topar os prezos dos alugueres ou abordar a problemática das vivendas baleiras".

"Estamos convencidos e convencidas, en contra do dito polo Goberno local, que proximamente poderá comprobarse como a aprobación desta ordenanza non facilitará a ilegalización das vivendas turísticas que teñen xa o recoñecemento como tal por parte do concello, tal e como se trasladou a distintos medios de comunicación", sinala.

Comentarios