Activistas en canoa deteñen o derrubo da Ponte do Toleiro

[Imaxe Plat. Sarriana polo Río]

Veciñanza e integrantes da Plataforma Sarriana polo Río continúan coas accións para frearen as obras de encauzamento no Malecón.

 

"Isto non o agardabades, verdade?", sinalaban nas redes sociais veciñanza e activistas da Plataforma Sarriana polo Río após media ducia de persoas situárense debaixo da ponte do Toleiro para evitar que os operarios contratados pola Conferencia Miño-Sil executasen o seu derrubo. 

Indumentad@s con botas de pesca e impermeábeis, activistas do movemento veciñal en defensa do patrimonio etnográfico de Sarria mobilizáronse baixo a ponte do Toleiro para frearen a destrución desta infraestrutura que une a vila coa illa do mesmo nome na que se atopan a maior parte dos ameneiros.

A acción desenvolveuse o día despois de que a Plataforma fora despexada para re-iniciar as obras de encauzamento do río Sarria após un mes de ocupación da illa para evitar a tala das árbores que habitan nela. 

A veciñanza reitera que non cesará nas súas reivindicacións e que manterá a súa loita até que sexan escoitadas as súas demandas. Neste senso,  500 veciñ@s mobilizáronse polas rúas de Sarria para amosaren o seu rexeitamento á actitude do concello, da Conferencia Hidrográfica e a Garda Civil.