Alberte Mera será o novo director de 'Nós Diario' desde setembro

Alberte Mera, María Obelleiro e Yuri Carrazoni. (Foto: Nós Diario)
O Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. nomeou esta quinta feira o xornalista Alberte Mera (Vigo, 1987) director de 'Nós Diario', en substitución de María Obelleiro, que pasará a facer parte do Consello de Administración e que ocupará o cargo de directora editorial da empresa. Yuri Carrazoni será o subdirector e Elvira Branco coordinará o semanario 'Sermos Galiza'.

O  Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. nomeou esta quinta feira o xornalista Alberte Mera (Vigo, 1987) director de Nós Diario  desde o 1 de setembro, data na cal María Obelleiro (Soutomaior, 1985) cesará como directora do medio de comunicación para incorporarse á carreira docente.

Licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e de Santiago, especializouse con estudos de máster en comunicación e industrias creativas. Como xornalista comezou a súa traxectoria profesional no extinto Xornal de Galicia e en Atlántico Diario. Posteriormente, colaborou, entre outros medios, co semanario Sermos Galiza e participou na fundación de Nós Diario, primeiro como redactor e, posteriormente, como subdirector. Ademais, dirixiu longametraxes documentais como Clamor da Terra (2012) e Lume Novo (2013), así como Reboiras: Acción e Corazón (2020), proxectada en cinemas do país e aínda dispoñíbel nunha das plataformas de referencia do cinema, Filmin.

O Consello de Administración tamén acordou designar Yuri Carrazoni Mier (Mos, 1997) subdirector de Nós Diario. Graduado en Xornalismo na Facultade de Ciencias de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e redactor de Nós Diario desde xaneiro de 2021, onde recalou despois de pasar por Diario de Pontevedra e El Progreso, entre outros medios, ocupa desde xaneiro de 2024 o cargo de responsábel da edición dixital, nosdiario.gal. Foi, ademais, o enviado especial de Nós Diario aos Xogos Olímpicos de París 2024. 

Por outra parte, o Consello de Administración nomeou Elvira Branco coordinadora do semanario Sermos Galiza, que se publica os sábados con Nós Diario.

A través do conselleiro delegado da empresa, Xoán Costa, o Consello de Administración salienta de Mera a súa capacidade de xestión da redacción, constatada até o de agora como subdirector, e un profundo coñecemento de Nós Diario a través do seu traballo á fronte de seccións como política e internacional, así como do ámbito audiovisual, o que permitirá, nun futuro, facer converxer os diferentes soportes do medio. De Yuri Carrazoni puxo de manifesto o seu impulso do diario dixital, que pasará a desenvolver un papel fundamental a medio prazo.

María Obelleiro, directora editorial

O Consello de Administración acordou nomear María Obelleiro -que desde setembro iniciará novos retos profesionais no ámbito do ensino-, directora editorial de Sermos Galiza S.A. e propuxo a súa incorporación como conselleira da empresa. Por medio de Xoán Costa, o Consello de Administración agradeceu o esforzo e dedicación de Obelleiro como directora desde o inicio de Nós Diario, en xaneiro de 2020, e previamente como coordinadora e directora do semanario Sermos Galiza e do diario dixital sermosgaliza.gal. Tamén agradeceu a vontade de seguir vinculada á empresa facendo parte do seu Consello de Administración e ocupando a responsabilidade de directora editorial, co fin de aproveitar a súa traxectoria e bagaxe xornalística.

Obelleiro, pola súa parte, manifestou a súa gratitude pola confianza e apoio incondicional demostrado polo Consello de Administración e ao conxunto de subscritoras e subscritores, así como polo feito de que a empresa decidira seguir contando con ela á fronte da Dirección Editorial de Sermos Galiza S.A. Tamén tivo palabras de agradecemento para o conxunto da redacción, coa que desenvolveu na tarde desta quinta feira a súa derradeira reunión como directora, así como para todas as traballadoras e traballadores por facer de Nós Diario unha realidade e por permitir que o medio se consolidase entre os principais xornais en papel con pouco máis de catro anos de vida, sendo sétimo en vendas directas e subscricións individuais segundo os datos auditados pola Oficina de Xustificación e Difusión (OJD).

Melloras nos contidos

O Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. aprobou mudanzas que mellorarán os contidos e a calidade de Nós Diario, de martes a sábados en papel, e do diario dixital os 365 días do ano. Entre as modificacións que se desenvolverán a partir de setembro atópase a ampliación da sección de Deportes, tras a aceptación por parte do público lector da cobertura realizada nos Xogos Olímpicos desde París. Tamén, en resposta ás peticións recollidas durante os actos públicos desenvolvidos ao longo do país con motivo do número 1.000 de Nós Diario, o xornal ofrecerá un resumo diario en papel de noticias comarcais, realizando así un xornalismo de proximidade. Estes cambios rematan o proceso de reordenación da área editorial de Sermos Galiza S.A., que nos próximos meses traballará por ensanchar a súa base subscritora.

"Cada persoa é necesaria", di Mera

Alberte Mera agradeceu esta quinta feira a confianza do Consello de Administración e insistiu en que "a existencia e a consolidación deste medio de comunicación é imprescindíbel para a Galiza". "O xornalismo rigoroso e comprometido coa sociedade de Obelleiro é unha marca deste xornal que me comprometo a continuar xunto co traballo profesional do novo subdirector, Yuri Carrazoni", afirmou Mera, que fixo fincapé na importancia do labor colectivo, "onde cada persoa e cada letra é necesaria".