Así prognostican as meteorólogas que vai ser o verán na Galiza

Unha muller cun abano en Pontevedra durante unha vaga de calor en 2023 (Foto: Elena Fernández / Europa Press).
Aemet vaticina que este estío vai estar entre o 20% dos máis cálidos.

O verán será "máis cálido" e "máis seco" do normal en toda a Galiza, segundo o avance realizado, en rolda de prensa, polo delegado da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) na comunidade, Francisco Infante.

De cara aos vindeiros días, indicou que haberá unha "influencia anticiclónica" con "claros" aínda que se manterá a "nebulosidade". "O domingo cambia a situación", avanzou respecto da noite de San Xoán para apuntar que "as nubes desaparecerán en case toda a Galiza, agás na Mariña". "Haberá ceos despexados, vento de nordés molesto pero nada de nebulosidade nin precipitacións", dixo.

En canto ás temperaturas, indicou que "se irán recuperando" con valores mínimos "bastante agradábeis, de 15 graos". A semana que vén, engadiu, será "lixeiramente máis cálida e algo máis seca do normal". "Parece que o tempo estival vaise asentando", recalcou após lembrar que o verán comeza esta quinta feira, día 20, ás 22,51 horas.

O prognóstico de Aemet para os meses de xullo, agosto e setembro é unha "probabilidade moi alta" de que sexa un verán "máis cálido" e "máis seco" do normal. A previsión é, segundo sinalou Infante, que se sitúe "entre 20% dos veráns máis cálidos". "Nada de choiva, caloriño, sol", incidiu. Respecto da primavera, esta foi "cálida e moi húmida na Galiza. "Sobre todo debido ás temperaturas mínimas que foron máis altas do normal", explicou, e con "46% máis de precipitacións". A temperatura máxima do trimestre alcanzouse no mes de abril en Ourense con 33,9 graos.

O portavoz de Aemet aludiu tamén á temporada de furacáns no Atlántico, do 31 de xuño até o 30 novembro, e augurou "entre oito e 13 furacáns".

O solsticio de verán ocorre cando o sol alcanza a máxima declinación —mínima no solsticio de inverno desde o hemisferio norte—, proxectando a súa luz sobre a máxima latitude xeográfica na Terra. Este ano tal circunstancia producirase esta quinta feira, día 20, ás 20.51 horas [hora da Galiza], segundo os cálculos do Observatorio Astronómico Nacional.

Esta estación durará aproximadamente 93 días e 16 horas, e rematará o 22 de setembro co comezo do outono. O comezo do verán no hemisferio norte coincide co comezo do inverno no hemisferio sur. O inicio das estacións vén dado, por convenio, por aqueles instantes en que a Terra está nunhas determinadas posicións na súa órbita ao redor do sol.

No caso do verán, esta posición dáse no punto da eclíptica no que o sol alcanza a súa posición máis boreal. O día en que isto sucede, o sol alcanza a súa máxima declinación Norte (+23º 27') e durante varios días a súa altura máxima ao mediodía non cambia. A esta circunstancia chámaselle tamén solsticio de verán.