Mobilidade

Os atrasos na estrea dos Avril, o derradeiro capítulo da longa historia de incidencias do tren na Galiza

Tren Avril de Talgo. (Foto: Europa Press)
O segundo AVE Avril que circula pola Galiza saíu na mañá da cuarta feira con media hora de atraso debido a unha incidencia técnica "puntual" cunha porta. O día anterior, na estrea deste modelo de tren, o convoi acumulou dúas horas de atraso. Estas 'incidencias' na inauguración dos novos trens fan parte da paisaxe habitual ferroviaria na Galiza, onde os Media Distancia (MD) acumulan atrasos crónicos, falta de frecuencias e de prazas.

A chegada dos trens Avril á Galiza iría acompañada dun compromiso por parte do Ministerio de Transportes para solucionar os problemas existentes na Media Distancia na Galiza. Uns problemas que se prolongan desde hai tempo e nos que, como inciden periodicamente colectivos de usuarias como a Asociación Media Distancia da Galiza, a escaseza de frecuencias e de prazas en determinados horarios vai da man dunha impuntualidade que non se limita a casos illados.

Recentemente o Goberno  español, en resposta a unha pregunta parlamentaria, cifraba en 99,4% durante 2023 a puntualidade media na liña do Eixo Atlántico, a que une Vigo e A Coruña e dá servizo a máis de dous millóns de pasaxeiras —a segunda máis usada no Estado—. A Asociación de Usuarios, porén, nega tal grao de puntualidade e indica que atrasos de 5 ou 10 minutos son moi frecuentes.

A estes atrasos "crónicos" engádense episodios máis graves, nos que a demora é moito maior. Dous exemplos neste mesmo mes. A terza feira, día 21, o tren que tiña que saír ás 10.37 desde Compostela dirección A Coruña ficou en Ourense e ofreceron aos viaxeiros ir nun Rexional. O pasado 3 de maio, o Media Distancia que debía chegar ás 18.20 a Compostela procedente de Vigo, non o fixo. Os usuarios e as usuarias que agardaban por ese convoi para ir á Coruña perderon máis de hora e media até que finalmente puideron realizar a viaxe.

Mais os problemas non se limitan á puntualidade. O 'tren rápido' entre A Coruña e Vigo inaugurouse en 2015 con 14 conexións e para reducir a 85 minutos un traxecto que implicaba 123. Malia o importante aumento de usuarias desde entón, non incrementaron frecuencias, ao contrario, co que a ausencia das prazas necesarias é xa unha constante. Do aumento da demanda nestes anos dá unha idea que dos 66.000 bonos de Renfe expedidos no seu primeiro cuadrimestre en vigor (setembro-decembro 2022) pasouse a 88.000 nese mesmo período do ano pasado.

Proximidade

A Galiza é un dos poucos territorios do Estado español que carecen de tren de proximidade. Contan con proximidades ferroviarias Asturias, Cantabria, Euskadi, Catalunya, Madrid, o País Valencià, Murcia e Andalucía.

Áreas metropolitanas como a de Vigo (con 550.000 habitantes), Pontevedra-Vigo (700.000) ou Ferrol-A Coruña (650.000) superan en poboación outras zonas do Estado onde veñen funcionando desde hai anos estes servizos de proximidade. De feito, Vigo é a maior área urbana sen ferrocarril de proximidade.

No acordo entre o BNG e Pedro Sánchez para a investidura deste como presidente após as eleccións estatais de 2023 figura o compromiso de “realizar un estudo para a implantación de tren de proximidade na Galiza" nesta lexislatura.


Rueda ve un inicio "desgraciado" e Pontón lembra "a débeda" coa Galiza

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda; a líder do BNG, Ana Pontón; e o do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pronunciáronse esta cuarta feira, a preguntas da prensa, sobre as incidencias nas dúas xornadas inaugurais dos trens Avril na Galiza. Rueda cualificou de "desgraciada" a estrea dos Avril mais deu "un voto de confianza" ao Ministerio de Transportes para solucionar as incidencias. "Espero que se hai algo que corrixir, se corrixa canto antes", afirmou.

A nacionalista Ana Pontón manifestou, pola súa parte, que espera que queden "en anécdota" esas incidencias rexistradas nas primeiras viaxes dos novos trens. "Esperemos que non se cumpra o dito de que mal acaba o que mal empeza", dixo, e subliñou que o Estado mantén "moitas débedas pendentes" coa Galiza en materia ferroviaria. Para Pontón, os galegos e as galegas teñen como prioridade poder "moverse" entre as cidades do país a través dun servizo de proximidade que conte con "prezos razoábeis" por diante de "chegar máis rápido" a Madrid.

O socialista Gómez Besteiro celebrou que o Partido Popular "xa non negue" que o AVE está na Galiza e considerou que as incidencias rexistradas nestas dúas primeiras xornadas de funcionamento do servizo liquidaranse "cedo" e incidiu en que o servizo "xa está en marcha".