Entrevista

Bichara Khader: "A principal fortaleza de Palestina é que a súa causa é legal, moral e humana"

O profesor Bichara Khader na súa visita a Compostela a pasada semana. (Foto: Arxina).

Bichara Khader, (Zababdeh, Palestina, 1944) é profesor emérito da Universidade de Lovaina (Bélxica), un dos maiores especialistas do mundo árabe contemporáneo e investigador asociado do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi). Vén de presentar na Galiza 'Palestina: A traxedia permanente (1948-2024). Unha chamada para espertar Europa'.

—Cal é a situación en Palestina?
A situación é sobrecolledora porque a matanza en Gaza continua, é imparábel. Mataron xa 38.000 persoas, das cales a metade son nenos, e feriron máis de 85.000 palestinos. É o 5% da poboación total de Gaza. É unha traxedia. Por iso o libro que publiquei, tamén en galego, chámase Palestina: A traxedia permanente. En Cisxordania non hai matanzas como en Gaza, pero o acoso dos colonos, o roubo das terras, a humillación dos palestinos de Cisxordania e a dificultade de mobilidade está a esnaquizar todo o potencial económico de Palestina, creando un clima de desesperación.

—Como interpreta este nivel de destrución? Que revela esta nova etapa do conflito entre Palestina e Israel?
O que está a ocorrer en Palestina é revelador, primeiro, da deriva racista, extremista. En Israel, co Goberno actual, que inclúe ministros abertamente racistas, como Smotrich e Ben Gvir, revela tamén o trauma que produciu o ataque horroroso de Hamas en territorio israelí. Revela a complicidade americana que, dunha man quere prover alimentos para os palestinos e da outra envía subministracións militares, bombas de mil quilos para matar os palestinos. Revela a compracencia dos europeos, que se dividen en todos os votos das Nacións Unidas sobre o recoñecemento do Estado palestino, sobre a modificación do status de Palestina na ONU.

Revela tamén o abandono dos palestinos polos propios réximes árabes, que temen manifestacións pro-palestinas nas súas capitais e temen ser desacreditados polas súas propias sociedades. Polo tanto, hoxe Gaza é reveladora da deriva racista do Estado de Israel, do abandono dos árabes, da complicidade americana e da compracencia de Occidente, en xeral, cara aos acontecementos que teñen lugar alí.

—Ve próximo un alto ao fogo, agora mesmo?
O alto ao fogo é necesario. Numerosas organizacións esixen un cesamento do fogo inmediato. Tamén os americanos piden a Benjamín Netanyahu un alto ao fogo. O problema deste señor é que quere unha vitoria total sobre Hamas. Está matando todos os habitantes de Gaza, executando unha carnicería histórica, como repiten os responsábeis das Nacións Unidas; unha situación, de verdade, intolerábel.

Un cesamento do fogo, agora, é urxente, pero non resolve o sufrimento do pobo palestino de Gaza. 80% das casas foron destruídas; as estradas, as infraestruturas, os hospitais, as escolas, as universidades foron totalmente reducidas a entullos. Entón, un alto ao fogo é necesario porque a xente está a morrer de deshidratación e de desnutrición. Non sei por que Occidente non esixe a Israel un cesamento duradeiro e resolver o problema dos reféns, para empezar a pór fin á dor do pobo palestino de Gaza.

—A máis longo prazo, por onde pasa a solución a este conflito permanente?
Neste pequeno libro publicado en galego sobre a traxedia permanente de Palestina eu apunto varias solucións posíbeis. A solución dun estado único, binacional, onde xudeus e árabes poidan ter os mesmos dereitos, as mesmas obrigas. Este sería un estado democrático binacional. O problema é que Israel non quere un estado palestino-israelí binacional, porque sería o fracaso do soño xudeu dun Estado exclusivamente xudeu ou maioritariamente xudeu. A segunda opción sería a purificación étnica, é dicir, non un Estado palestino. Os ministros racistas de Israel dino claramente: "Non hai sitio para os palestinos, teñen que marchar", para que Eretz Israel controle todo o territorio, desde o Xordán até o Mediterráneo.

Esta é unha solución que non pode ser aceptada pola comunidade internacional, por ser inmoral, ilegal, inhumana. A terceira solución sería a de dous estados. Esta é a solución que preconizan os Estados Unidos, os estados árabes, os estados europeos. O problema é que nos territorios palestinos de Cisxordania hai máis de 750.000 colonos, en 300 asentamentos, con estradas en uso exclusivo para os xudeus. É un territorio non só mesturado, con xudeus e palestinos, senón tamén un territorio fragmentado, como un queixo Gruyère. Esta solución é moi difícil de aplicar, pero é a única solución sobre a mesa que hoxe ten o consentimento de toda a comunidade internacional.

Bichara Khader. (Foto: Arxina)

—O Estado español vén de recoñecer o Estado palestino. En que medida esta declación pode contribuír a unha solución duradeira?
Eu non estou de acordo coa xente que di que se tratou só dun xesto simbólico, que non vai parar a matanza, que é inútil, que tiña que ser discutido cos outros membros da comunidade europea. Eu penso que ten un valor, é un xesto de coraxe por parte de España, que se impón como un pobo xeopolítico importante no espazo mediterráneo, en comparación coa ausencia de Italia e con esta excitación francesa. Entón, primeiro, ten valor porque pode producir un efecto dominó e convencer outros Estados para seguir no mesmo camiño. Segundo, este xesto reforza a lexitimidade política do pobo palestino. Terceiro, este recoñecemento dá esperanzas aos palestinos: non toda Europa está detrás da matanza de Gaza ou detrás do Estado de Israel na súa actuación actual.

Por moitos motivos penso que os recoñecementos de España, Noruega, Irlanda, Eslovenia son xestos importantes para enviar unha mensaxe aos árabes de que non todos os europeos están detrás da política de purificación étnica que Israel está a aplicar sobre Gaza. É un xesto de coraxe que os palestinos aplauden e que a sociedade civil palestina aprecia moito.

—Cales son hoxe as maiores fortalezas de Palestina para se impoñer á posición israelí?
Nas relacións entre Israel e Palestina hai unha profunda asimetría. Israel ten avións, ten carros armados, ten exército, é unha potencia económica, militar, ten aliados fortes como os Estados Unidos. Os palestinos están abandonados, abandonados tamén polos seus irmáns árabes. E falo dos réximes árabes, non dos pobos árabes, que son moi solidarios coa loita do pobo palestino. A forza do pobo palestino reside en que a súa causa é unha causa humana. É unha causa legal e moral. Pedir vivir humanamente na súa propia terra é unha fortaleza importante.

Por iso os palestinos din que 'existir é resistir'. Porque atados á súa terra envían unha mensaxe a Israel de que os palestinos aman a súa terra, loitan pola súa terra, pola súa supervivencia e por unha Palestina libre, independente e humanamente recoñecida por todos. Esta é a principal fortaleza dos palestinos. Non é a Autoridade Palestina, senón o feito de que os palestinos, a pesar de todas as discriminacións, humillacións, roubos de dereitos, acoso dos colonos, seguen reforzando a súa presenza en Palestina, facendo nenos, casando. A principal fortaleza de Palestina é que a súa causa é legal, moral e humana.

—Observa unha maior debilidade do Estado de Israel?
Claro, Israel foi desacreditado nas opinións das sociedades árabes, europeas e occidentais, como vimos nos campos universitarios americanos e europeos, nas manifestacións xigantescas en varias sociedades europeas. Benjamín Netanhyaju quería fechar e marxinar a causa palestina, pero a situación en Gaza volveu situar esa causa na axenda mundial. É unha das cousas positivas destas matanzas. Agora a xente en España, como noutros países, ve que o pobo palestino ten unha causa que todos temos que apoiar.

Eu diría, de paso, que a sociedade galega, como observei xa hai 20 anos, é moi consciente do que está a ocorrer. Manifesta unha gran solidariedade co pobo palestino. De feito, durante o meu encontro coa alcaldesa de Santiago de Compostela pedinlle que promova un irmandamento entre Compostela e a cidade de Belén. Porque Xerusalén-Belén, Roma e Santiago son os tres sitios de peregrinaxe da cultura cristiá.

—Ese irmandamento existe xa desde o ano 2002, que outro significado cre que debe ou pode alcanzar?
O proxecto de irmandamento de Compostela con Belén non é soamente un modo de enviar unha mensaxe ás comunidades cristiás e musulmás de Palestina, de Belén, senón, concretamente, que pode facer Galiza, e de forma particular a súa capital, para axudar a poboación cristiá e musulmá de Belén. Porque agora, coa ocupación israelí, é intolerábel. Hai moitos cristiáns que están emigrando cara a América Latina ou cara a outros países europeos. Esta é unha lacra. Eu son un árabe palestino cristián e noto como a nosa comunidade está a desaparecer de Belén, de Xerusalén, de Ramallah polas dificultades da ocupación.