O equipo de relatores da ONU urxe todos os países a recoñecer o Estado palestino

Os relatores especiais da Organización de Nacións Unidas (ONU) en dereitos humanos reclamaron onte a tosos os países o recoñecemento do Estado palestino como condición necesaria para garantir a paz en Oriente Medio. O texto está asinado polos 25 expertos da entidade en materia de dereitos humanos, entre eles a relatora da ONU para Palestina, Francesca Albanese. 

O campamento de refuxiados de Rafah atacado por Israel. (Foto: Khaled Omar / Xinhua News / ContactoPhoto vía Europa Press)
photo_camera O campamento de refuxiados de Rafah atacado por Israel. (Foto: Khaled Omar / Xinhua News / ContactoPhoto vía Europa Press)

O documento sinala que o recoñecemento do Estado palestino “é unha condición previa para a paz en Palestina e en toda a rexión de Oriente Medio, que debería comezar cun alto o fogo en Gaza e o cese das incursións militares en Rafah", unha cidade da faixa de actualmente obxecto de duros ataques por parte do exército de Israel.

"Dous Estados"

O texto dos relatores apunta que “a solución de dous Estados segue sendo o único camiño recoñecido internacionalmente para a paz e a seguridade para Palestina e Israel e unha saída a anos de ciclos de violencia e descontento”. Precisamente, o documento ve a luz tras aprobar a asemblea xeral da ONU o pasado 10 maio unha resolución en apoio a que Palestina se converta en membro de pleno dereito da entidade.

O relatorio publicado nesta segunda feira pola Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos lembra que 146 Estados de todo o mundo recoñecen a Palestina, dos cales só 12 fan parte da Unión Europea. Concretamente, os tres últimos en asumir esta reivindicación foron o Estado español, Irlanda e Noruega,

O documento indica que  que “todos os Estados deben seguir o exemplo dos 146 Estados membros da ONU e recoñecer o Estado de Palestina e utilizar todos os recursos políticos e diplomáticos ao seu alcance para garantir un cesamento do fogo inmediato en Gaza”.

Rafah

O escrito dos relatores da ONU faise público o mesmo día en que Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados denuncia que máis de medio millón de cidadáns palestinos fuxiron nos últimos días da cidade Rafah escapando da ofensiva militar das forzas armadas do Estado de Israel.

O organismo para os refuxiados da ONU alerta que miles de familias concéntranse agora en instalacións danadas e destruídas da cidade de Jan Yunis, ao carecer de localidades seguras a onde desprazarse.

Comentarios