As barreiras do día a día: unha de cada tres persoas maiores de 75 anos ten dificultades para acceder á súa vivenda

Os problemas de accesibilidade fanse patentes na meirande parte dos edificios, e non se refiren só á falta de ascensor. (Foto: Nós Diario)
Até 87% dos edificios de vivendas necesitan realizar actuacións de eliminación de barreiras arquitectónicas para mellorar a súa accesibilidade.

Unha de cada tres persoas maiores de 75 anos no Estado español (arredor de 35% delas) recoñece ter dificultades para acceder desde a rúa á súa vivenda, quer porque non hai ascensor, quer porque debe subir de forma obrigatoria escaleiras, quer por ambos os factores, segundo un informe realizado pola Fundación Mutua de Propietarios e a Cátedra de Vivenda da Universidade Rovira i Virgili publicado esta sexta feira. Segundo este estudo, realizado con motivo do Día Internacional das Persoas de Idade, que se conmemora o 1 de outubro, as persoas participantes neste estudo outorgan unha nota de 5,7 á accesibilidade do edificio no que viven.

"As importantes carencias en accesibilidade supoñen unha discriminación dos dereitos fundamentais das persoas maiores como a liberdade de residencia e circulación, o libre desenvolvemento da personalidade ou a igualdade", afirma a vicepresidenta executiva da Fundación Mutua de Propietarios, Laura López Demarbre.

Os autores da investigación destacan que, no conxunto do Esatdo español, até 4,73 millóns de persoas teñen 75 anos ou máis —perto de 10% da poboación— e, delas, 35,1% das mulleres e 14,7% dos homes de entre 75 e 84 anos viven sós. Unhas porcentaxes que aumentan até 44,1% e 35,1%, respectivamente, a partir dos 85 anos.

Neste escenario, o informe mostra que os problemas de mobilidade (68%) son a principal preocupación da cidadanía ante unha futura vellez, seguidos da saúde (67%), a falta de recursos económicos (59%), a posibilidade de non contar cunha pensión de xubilación (60%) e a soidade (48%).

Así, o estudo pon de relevo que 87% dos edificios de vivendas necesitan realizar actuacións de eliminación de barreiras arquitectónicas para mellorar a súa accesibilidade. En concreto, 17% require instalar un ascensor; o 22%, instalar unha rampla para salvar o chanzo de acceso ao portal; o 56% ten porteiros automáticos non accesíbeis desde unha cadeira de rodas; dous de cada tres teñen as súas caixas de correos elevadas, e 48% dos portais necesita un 'abreportas' motorizado porque pesa demasiado.

As barreiras relacionadas co ascensor son as actuacións cun maior grao de urxencia, xa que 49% das persoas que non contan con ascensor reclámano como unha medida urxente, da mesma maneira que un 51% consideran esencial mellorar a accesibilidade do portal até o ascensor cunha plataforma elevadora eléctrica ou unha rampla.

O 63% dos españois está de acordo con que un edificio accesíbel revaloriza os seus inmóbeis, pero seis de cada dez enquisados ve pouco ou nada probable realizar as melloras de accesibilidade que se necesitan no seu edificio. A falta de acordo entre veciños (47%) e os motivos económicos (55%) son as principais razóns expostas, en especial cando o investimento é superior aos 2.000 euros.

"Os propietarios poden obrigar a comunidade de veciños a asumir parte das obras de accesibilidade e todas elas están obrigadas a pagar o seu custo, calquera que sexa a súa situación económica, polo que non poderán vetar as obras por circunstancias económicas", explica o doutor Héctor Simón, da Cátedra de Vivenda.