A CIG pide o cesamento de Eloína Núñez porque "non pode protexer os maiores alguén que non permitiu tratalos en hospitais"

A ex xerente da área de Santiago e O Barbanza, Eloína Núñez, xunto ao ex conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha visita ao CHUS. (Foto: Conchi Paz)

A central sindical entende que Núñez, curmá do anterior presidente da Xunta Alberto Núñez Feixoo, "non foi capaz durante a pandemia de protexer e coidar aos maiores".

A CIG-Autonómica pediu o cesamento de Eloína Núñez, nomeada recentemente subdirectora xeral de Envellecemento Activo e Prevención da Dependencia e Innovación Sociosanitaria da Consellaría de Política Social e Igualdade, ao considerar que "non pode protexer os maiores unha persoa que non permitiu que os anciáns fosen tratados en hospitais públicos".

Nun comunicado, a organización sindical lembrou que o protocolo deseñado pola ex xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas) non permitía atender de Covid-19 en hospitais a enfermos procedentes de residencias. "Unha persoa que humilla os maiores nos tratamentos médicos, agora non pode atendelos", reivindicou a CIG, insistindo no seu cesamento.

Ao seu xuízo, Núñez, curmá do anterior presidente da Xunta da Galiza Alberto Núñez Feixoo, "non foi capaz durante a pandemia de protexer e coidar aos maiores". Así, ve "incoherente" esta decisión.

Críticas á súa xestión

En seis anos de Xerencia, a curmá de Feixoo foi censurada por profesionais médicos, usuarios e pacientes e por representantes públicos da oposición. En plena pandemia foi censurada pola falta de medidas para garantir a protección de persoal e persoas enfermas, e motivou o enfado de traballadoras e sindicatos ao insinuar que os contaxios dos sanitarios tiñan a súa orixe nas salas de café.

Eloína Núñez recibiu a renuncia do xefe do servizo de Xinecoloxía en el hospital Clínico de Santiago e máis tarde a do xefe de Medicina Interna, nun momento de sobrecarga que mantiña a unidade sometida a unha gran presión e sen recursos humanos suficientes nin solucións por parte da Xerencia.

Outros dous conflitos soados durante o seu mandato afectaron aos servizos de Anatomía Patolóxica e de Urxencias, onde as condicións de traballo do persoal e o coidado dos pacientes suscitaron graves cruces de acusacións de "incompetencia" e "falta de planificación" e mesmo a apertura de expediente por parte da Xerencia a unha médica de Urxencias por atender dous pacientes nos corredores do servizo.

Na primavera deste ano Eloína Núñez foi substituída á fronte da área compostelá. Poucos meses antes despachou polo menos dous contratos, por catro millóns de euros, á empresa da súa curmá Micaela, irmá de Alberto Núñez Feixoo: Eulen.