A Coordinadora Galega por Palestina advirte: "É hora de pasar das palabras aos feitos"

Os bombardeos israelís deixaron esta cuarta feira 75 novas vítimas mortais no campamento de refuxiadas de Al-Maghazi. (Foto: Marwan Daoud / Xinhua News / ContactoPhoto vía Europa Press)
A entidade lamenta a malograda proposta de declaración institucional no Parlamento exixindo un cesamento do fogo e apoiar o pobo palestino que non saíu adiante pola negativa de PP e DO, e avanza que seguirá presionando para que as institucións actúen contra Israel.

O pasado mes a Coordinadora Galega de Apoio a Palestina intentou, sen éxito, que o Parlamento aprobase unha declaración institucional —coincidindo co aniversario da Nakba— orientada a exixir o cesamento do fogo en Gaza, a entrada de axuda humanitaria e a suspensión das relacións diplomáticas e comerciais con Israel. Un programa "de mínimos", salientan desde a entidade conformada por Mar de Lumes, Galiza por Palestina, BDS Galiza e Asociación Galaico-Árabe Jenin, que non puido saír adiante ante a falta de acordo na Cámara.

Representantes da Coordinadora reuníronse no Hórreo cos grupos de PP, BNG e PSdeG, mais non co deputado do grupo mixto Armando Oxea (DO), que lles trasladou que non era "preciso" o encontro para abordar o texto dado que as súas propostas "non entraban nas competencias do Parlamento", afirma, en declaracións a Nós Diario, Ángela Gippini, presente nesta rolda de conversas.

A formación nacionalista foi a única que aceptou o seu manifesto íntegro, e de feito coincidiu practicamente no tempo coa proposta dunha resolución na Cámara que buscaba "condenar coa máxima firmeza a brutal ofensiva do Estado de Israel sobre Gaza" e que contou co apoio do PSdeG, a abstención de DO e a negativa do PP, cuxos votos impediron que saíse adiante.

A diferenza de Oxea, o PP si recibiu a Coordinadora, mais para manifestar a súa negativa a unha declaración institucional que o Parlamento só pode aprobar por unanimidade. Remitíronse, lembra Gippini, á proposición non de lei que viu a luz no Congreso dos Deputados en 2014, hai unha década, e que chamaba a recoñecer Palestina como Estado independente, mais sen abrirse a apoiar as propostas que hoxe impulsa o asociacionismo galego.

E o grupo socialista acordou tomar en consideración en manifesto sinalando a necesidade de incluír unha serie de emendas. "Mostraron unha certa cautela, quizais agardando a que o Goberno do Estado se pronunciase, pero é certo que tiñan vontade de diálogo", di Gippini. De feito, esta mesma quinta feira o ministro de Exteriores, o socialista José Manuel Albares, avanzou a intención de Moncloa de sumarse á demanda internacional contra Israel por xenocidio. Un paso que considera positivo mais insuficiente.

"Unha das primeiras demandas da Coordinadora, desde o inicio, foi deter o comercio de armas con Israel. Se ben o Goberno asegura que non as comercializa desde o pasado 7 de outubro, cremos que hai probas e denuncias abondo de que non é así", subliña, facendo fincapé na necesidade de romper relacións, tanto a nivel comercial como diplomático, cun Estado, o israelí, que está a "cometer inxerencias" na política española a través de medidas como o anuncio de impedir o traballo do seu Consulado en Xerusalén.

Gippini celebra tanto o recoñecemento oficial do Estado palestino como a decisión de apoiar a causa aberta contra Israel no tribunal da ONU, pois son "importantes avances", mais tamén matiza que, no fondo, non deixan de ser "declaracións". "E urxe pasar das palabras aos feitos", acrecenta.

Desde que presentaron o seu manifesto hai un mes a situación agravouse, polo que daquel "programa de mínimos con peticións moderadas" habería que pasar hoxe a un texto máis contundente, con "outras reclamacións urxentes", advirte a activista, que precisa tamén que existe "moito máis apoio" no plano legal a través das querelas interpostas contra Israel perante os tribunais internacionais.

A Coordinadora avanza que nada nin ninguén freará o seu traballo e que seguirá a defender a causa do pobo palestino e a presionar as institucións. "Estes días é certo que os partidos políticos están moi centrados na campaña das eleccións europeas, mais a partir da próxima semana é o momento de retomar os contactos e procurar que sigamos avanzando, non só con palabras, senón con feitos", conclúe Ángela Gippini.