Israel ameaza con "facer dano" ao Estado español: "Os tempos da Inquisición terminaron"

O ministro de Exteriores israelí, Israel Katz, detallou que a orde prohibindo ao Consulado do Estado español en Xerusalén dar servizo á poboación palestina entrará en vigor o 1 de xuño.
O ministro de Exteriores israelí, Israel Katz (Foto: Europa Press / Contacto / Nicolas Landemard).
photo_camera O ministro de Exteriores israelí, Israel Katz (Foto: Europa Press / Contacto / Nicolas Landemard).

O Goberno de Israel ameazou esta segunda feira con "facer dano aos que lle fagan dano" e recalcou que "os tempos da Inquisición terminaron", á vez que detallou que a orde prohibindo ao Consulado do Estado español en Xerusalén dar servizo á poboación palestina entrará en vigor o 1 de xuño, no marco da resposta israelí á decisión de recoñecer o Estado de Palestina.

"Os días da Inquisición terminaron. Hoxe en día, o pobo xudeu ten un Estado soberano e independente, e ninguén nos obrigará a converter a nosa relixión nin ameazará a nosa existencia: a aqueles que nos fan dano, nós farémoslles dano en resposta", dixo o ministro de Exteriores israelí, Israel Katz.

"Aqueles que premien a Hamás e tenten estabelecer un Estado terrorista palestino non terán contacto cos palestinos", manifestou, antes de detallar que deu orde "para enviar unha nota diplomática á Embaixada do Estado español en Israel prohibindo realizar actividades consulares ou prestar servizos consulares a residentes da Autoridade Palestina".

Katz achegou ademais a nota enviada á Embaixada española en Israel coas súas medidas en resposta tras o recoñecemento do Estado de Palestina. "Por orde do Ministerio de Exteriores, a partir do 1 de xuño de 2024 o Consulado Xeral de España en Xerusalén poderá dar servizos consulares unicamente a residentes no distrito consular de Xerusalén. O Consulado Xeral, ou calquera no seu nome, non dará servizo a residentes na Autoridade Palestina nin levará a cabo funcións consulares ou doutro tipo fóra do distrito de Xerusalén, sen consentimento previo por escrito do Ministerio", especificou.

Neste sentido, destacou que "esta política non se aplica aos servizos consulares a cidadáns españois" e advertiu de que "se esta política non é respectada, o Ministerio non dubidará á hora de adoptar medidas adicionais".

Resposta ao recoñecemento de Palestina

O propio Katz anunciou a sexta feira a decisión de "cortar a conexión entre a representación do Estado español en Israel e os palestinos" e "prohibir" que o Consulado en Xerusalén dea servizos á poboación palestina residente en Cisxordania tras o recoñecemento do Estado de Palestina, aínda que nesta ocasión o ministro de Exteriores israelí elevou o ton contra Madrid, ademais de fixar unha data para a entrada en vigor da devandita medida.

O Consulado Xeral, creado en 1853, está na actualidade encabezado por Alfonso Lucini e encárgase das relacións coa Autoridade Palestina, á vez que serve como oficina consular para toda a cidade de Xerusalén, así como para Cisxordania e a Faixa de Gaza. O edificio atópase no barrio de Sheij Yarrá, en Xerusalén Este.

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou o 22 de maio o recoñecemento desde esta terza feira do Estado de Palestina, un paso dado o mesmo día que Noruega e Irlanda e que desatou duras críticas por parte de Israel e aplausos por parte das autoridades palestinas e os Estados e bloques da rexión de Oriente Próximo.

Comentarios