O fogo acaba cun campamento palestino ao noroeste de Rafah, cun mínimo de 40 mortes

Un correspondente da Al Jazeera explicou que as vítimas, a maioría crianzas e mulleres, atopábanse nas súas tendas de campaña cando se produciu o incendio. Ademais, asegurou que os hospitais que están a recibir ás feridas non teñen suficientes ferramentas e medicamentos para tratalos.
Campo de persoas desprazadas en Rafah, na Faixa de Gaza (Foto: mar Ashtawy / APA Images via ZUMA / DPA vía Europa Press).
photo_camera Campo de persoas desprazadas en Rafah, na Faixa de Gaza (Foto: mar Ashtawy / APA Images via ZUMA / DPA vía Europa Press).

Polo menos 40 persoas faleceron e decenas resultaron feridas nas últimas horas despois dos bombardeos con mísiles que as forzas israelís acometeron nun campamento de refuxiados perto de Rafah, no sur da Faixa de Gaza, segundo informa o Ministerio de Saúde do territorio palestino. Tras os ataques orixináronse incendios no campamento de Tel al Sultan, o que impide o acceso ás ambulancias e ao persoal de Defensa Civil.

O Ministerio de Sanidade palestino confirmou que os ataques aéreos contra o campamento, situado ao noroeste de Rafah, deixaron un gran número de persoas falecidas e feridas, á vez que continúa a procura das desaparecidas.

Un correspondente da Al Jazeera explicou que as vítimas, a maioría crianzas e mulleres, atopábanse nas súas tendas de campaña cando se produciu o incendio. Ademais, asegurou que os hospitais que están a recibir ás feridas non teñen suficientes ferramentas e medicamentos para tratalos.

"A maioría dos cadáveres estaban calcinados, mentres algúns feridos perderon extremidades e sufriron outras lesións debido ao uso de armas potencialmente prohibidas a nivel internacional que provocaron o incendio masivo", comentou o doutor Mohammed al-Mughayyir, quen encabeza os equipos de Defensa Civil de Gaza.

O Comité de Emerxencia de Gaza comentou que este masacre contradí todas as declaracións de Israel acerca de que en Rafah hai zonas seguras para a poboación civil, todo isto a pesar de que a pasada sexta feira a Corte Internacional de Xustiza (CIX) ordenou a Israel deter a súa ofensiva militar contra a cidade de Rafah.

Desde entón, o Exército de Israel realizou máis de 60 operacións aéreas contra a urbe. Así mesmo, decenas de proxectís de artillaría e disparos constantes realizáronse contra a poboación palestina na cidade, segundo informou a ONG Euro-Mediterranean Human Rights Monitor.

Conversas pola paz en Bruxelas

Neste contexto, os ministros e as ministras de Exteriores da Unión Europea (UE) discutirán cos seus homólogos de Oriente Próximo esta segunda feira o futuro en Gaza, coa vista posta nunha saída á guerra e en traballar para a solución de dous Estados, tras o paso dado polos Estados español, irlandés e noruegués para recoñecer o Estado de Palestina. Así, viaxarán a Bruxelas os titulares de Exteriores de Exipto, Qatar, Arabia Saudita, Emiratos Árabes Unidos e Xordania, ademais do secretario da liga Árabe, nunha cita na que insistirán en pór fin á guerra.

Comentarios