Críticas no Barbanza, Noia e Lugo aos recortes sanitarios da Xunta

Protesta diante do ambulatorio de Porto do Son (Foto: Nós Diario).
As críticas á xestión da sanidade pública galega por parte da Xunta foron protagonistas de varias mobilizacións esta sexta feira. A plataforma SOS Sanidade Pública concentrouse diante dos ambulatorios de Rianxo e Porto do Son. Ademais, o pleno do Concello de Lugo aprobou, co voto a favor do PSdeG e do BNG e a abstención do PP, unha proposición nacionalista para demandar á Xunta recursos e persoal necesarios para "garantir o dereito fundamental" das mulleres lucenses a abortar en hospitais públicos da provincia. 

A plataforma SOS Sanidade Pública manifestouse esta sexta feira diante dos centros de saúde de Rianxo (O Barbanza) e Porto do Son (comarca de Noia). Neste último caso, a concentración  reclamou “unha Atención Primaria de calidade”, a reapertura do servizo de Pediatría no centro de saúde ademais de denunciar a recente supresión das consultas da matrona. A plataforma asegura que as mulleres que precisen deste servizo son derivadas ao ambulatorio de Boiro, polo que demandan as substitucións das baixas e vacacións do persoal sanitario e a cobertura dos postos vacantes.

Lugo e o dereito ao aborto

Por outra parte, o pleno do Concello de Lugo aprobou esta sexta feira, co voto a favor do PSdeG e do BNG e a abstención do PP, unha proposición nacionalista para demandar á Xunta da Galiza a dotación dos recursos e do persoal necesarios para "garantir o dereito fundamental" das mulleres lucenses a abortar en hospitais públicos da provincia. 

"Non se están practicando en Lugo e derívanse a clínicas privadas situadas, nalgúns casos, a 200 quilómetros", denunciou a concelleira do BNG, Maite Ferreiro, que responsabilizou a Xunta de "vulnerar os dereitos fundamentais das mulleres" ao obrigalas a desprazarse a cidades como "Vigo ou A Coruña".

Nunha liña similar, a edila socialista Olga López destacou que os abortos instrumentais deberían facerse "na propia área sanitaria" competente para garantir máis "rapidez e eficacia" nas intervencións.

Por último, Aurora Goás (PP), quixo puntualizar que a lei relativa ao aborto "non se refire en ningún momento" a que as interrupcións voluntarias do embarazo teñan que levar a cabo dentro da área sanitaria.

Minutos despois da aprobación no pleno, o xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares, aseguraba que a prestación "se está dando con todas as garantías" e que a muller que tivo que ser traslada a Vigo fíxoo "durante o proceso administrativo de regularización do convenio" clínica da Coruña.