Deben as crianzas aburrirse no verán? Isto é o que din as expertas

Un grupo de mozos e mozas nun campamento de verán. (Foto: Nós Diario)

Entre as recomendacións de persoal experto figuran estabelecer límites claros para o uso de dispositivos electrónicos e favorecer as actividades ao aire libre, hobbies e o tempo en familia.

Cada vez é máis común que, durante o curso escolar, as crianzas teñan a súa axenda completa con actividades extraescolares. E tamén ao longo da tempada estival, as familias non dubidan en inscribir as nenas e os nenos en cantas máis actividades “mellor”.

Porén, expertas e expertos sinalaron que potenciar o aburrimento produtivo durante as vacacións de verán axuda ao desenvolvemento da creatividade e a autonomía das crianzas, ademais de ser unha ferramenta clave para o desenvolvemento da súa saúde mental e emocional.

Aínda que o aburrimento adoita ter unha connotación negativa, non é necesariamente algo malo, xa que cando as pequenas e os pequenos dispoñen de tempo libre sen actividades estruturadas, vense obrigados a inventar os seus propios xogos, resolver problemas e explorar a súa contorna. Ademais, fortalece a súa capacidade para manexar situacións de frustración e atopar solucións orixinais.

Persoal experto de Cigna Healthcare elaborou unha serie de recomendacións para que as nais e os pais xestionen o tempo libre das súas crianzas de maneira máis efectiva durante o verán. Ademais de fomentar o aburrimento produtivo, lembraron a importancia de estabelecer límites claros para o uso de dispositivos electrónicos para permitir espazo para actividades ao aire libre, hobbies e tempo en familia.

Tamén aconsellou fomentar que as crianzas xoguen e pasen tempo con amizades organizando quedadas en parques, apuntándoos a un campamento ou involucrándoos en actividades que lles gusten onde poidan coñecer outras nenas e nenos. Isto promove a empatía e o sentido de pertenza, fortalece a autoestima e a confianza en si mesmas, ademais de ofrecer unha contorna segura para aprender e crecer xuntas.

Así mesmo, aconsellaron que non se deixe de lado a rutina, pois ensínalles a “importancia da organización e a xestión do tempo”, e que continúen aprendendo de maneira experiencial. Ademais, asignar ás crianzas certas tarefas, como axudar no fogar, aumenta o sentido da responsabilidade e fomenta a colaboración dentro da familia.