Dous anos de obras e tres quilómetros sen reparar: a veciñanza de Seoane do Courel di que non pode facer "vida normal"

Desvío alternativo sinalizado con semáforo desde Ferrería a Seoane, apto só para vehículos de menos de dous metros de ancho e alto. (Foto: Riobó Prada)
As obras de mellora que a Xunta da Galiza está a desenvolver na estrada LU-651 entre Ferrería Vella e Seoane do Courel (parroquia de Folgoso do Courel, na comarca de Quiroga) mantén o tráfico cortado nun treito de dous quilómetros que se vai prolongar durante dous meses. A veciñanza está farta das demoras e das dificultades. 

As obras de mellora que a Xunta da Galiza está a desenvolver na estrada LU-651 entre Ferrería Vella e Seoane do Courel (parroquia de Folgoso do Courel, na comarca de Quiroga) mantén o tráfico cortado nun treito de dous quilómetros que se vai prolongar durante dous meses. A veciñanza está farta das demoras e das dificultades.Xunt

En marzo de 2022 a Consellaría de Infraestruturas adxudicou por 3,3 millóns de euros a primeira fase das obras de mellora da LU-651 entre Ferrería Vella e Seoane do Courel. Os traballos de ampliación, rectificación de curvas e renovación do firme ían comezar daquela para seren executados no prazo dun ano. Mais as obras continúan e o enfado da veciñanza vai en aumento.

Aos cortes de tráfico temporais, os días laborábeis, con desvíos alternativos para desprazarse entre Folgoso e Seoane, a Xunta da Galiza vén de sumar un feche completo durante dous meses, até o 11 de outubro, para abordar o ensanche da plataforma da calzada e a construción dunha ponte sobre o río Pequeno.

De novo a Xunta fixo públicos os pasos alternativos habilitados para vehículos lixeiros e pesados, mais non todos os accesos son practicábeis. "Eu non me arrisco a perder un coche para ir a Quiroga facer pilates, e coma min, moitos veciños non arriscan a facer unha vida normal", relata a Nós Diario Suso Fernández.

Desde hai 12 anos rexenta a hospedaría Aldea do Mazo, que no verán recibe persoas do sur e leste da Península, ás que non sabe xa que lles dicir. "Isto é unha tortura para quen xestionamos negocios porque xa non sabemos a quen lle podemos dicir que vaia ou non vaia, porque o paso máis próximo é demasiado estreito, pasa mesmo por debaixo do cuarto dunha casa e ten un desnivel de até o 25%".Fernández apunta unha desvalorización paulatina do patrimonio do Courel.

"Este corte, máis que nada, afecta á nosa dignidade, porque levan dous anos cunhas obras nun treito de pouco máis de 3 km que tiñan que ter rematado e que cada vez van a peor, con imprevistos, atrasos, máis cortes e fochancas. Aos que vivimos no Courel as rodas do coche dúrannos a metade que ao resto. Parece que a única vontade é a de que este espazo se extinga", sentencia o hostaleiro.

Vida nun territorio de difícil acceso

A xente que vive ou se achega estes días ao Courel está a lidar coas casuísticas das zonas de montaña cando fallan as vías de comunicación principais. "O camión da carne non dá unha volta de 48 km para vir á tenda. Se queremos o produto temos que ir nós por el ao desvío". Os vehículos pesados teñen case unha hora de traxecto para acceder a Seoane, e non todos están dispostos a investir ese tempo, asegura Suso Fernandez.

A pé, hai xente que se anima a facer o camiño desde Ferrería, como lembra Branca Novoneyra que facía cando era nena. Hoxe, ás portas nunha nova edición do Festival do Eidos, repara nas condicións do Courel e na iniciativa propia para sortear as dificultades e asegurar a asistencia do público cun servizo de "transporte lanzadeira desde o Campo da Feira de Seoane ao festival".

Desde Courel Vivo, Óscar Carrete dubida dos prazos da Xunta. "Fican desmontes por facer, pontes por ampliar e todo o asfaltado. Non confiamos en que este feche vaia ser suficiente, porque tamén hai pouca xente a traballar". E axiña comezará o curso, sinala. Volverá o transporte escolar e as demandas das familias para chegar ao colexio "seguros", como exixiron no mes de xuño.

Tres meses de demora na ponte de Xunqueira de Espadanedo

Tres meses despois do comprometido inicialmente, a ponte de Xunqueira de Espadanedo (comarca de Allariz-Maceda), na estrada OU-536, segue fechada ao tráfico. A Xunta da Galiza anunciou o pasado mes de febreiro o inicio dun período de obras dirixido a asegurar a estabilidade dun dos estribos da ponte co fin de solucionar definitivamente os problemas que este treito da estrada que une Ourense e A Pobra de Trives arrastraba desde había varios meses.

Tras realizar a comezos de ano varias sondaxes e un levantamento topográfico completo da ponte, a Xunta constatou a deformación dun dos muros do estribo, que se había de reparar. Entón avanzou a necesidade de fechar o tráfico rodado durante tres meses, prazo de execución estimado, "supeditado ao estado no que se atope o interior do estribo e ás condicións meteorolóxicas".

Co dobre do tempo investido as obras non finalizaron, obrigando as persoas usuarias a desviarse pola OU-0106 e OU-0153, dedicando máis tempo e quilómetros á circulación. Desde o Concello aseguran que non teñen novo prazo de entrega despois do primeiro, fixado para xuño, e dun segundo, marcado para o mes de xullo. Os traballos non remataron e os operarios tampouco acoden a diario ao lugar para avanzar na reparación.