Veciñanza do Courel realizou esta cuarta feira protestas ante os centros de saúde de Seoane e de Folgoso. Denunciaron a carencia de atención médica durante tres días á semana, así como a obriga de ter que desprazarse até o hospital de Monforte (Terra de Lemos).
Mobilizarse até Monforte, explican implica desde algunhas poboacións "máis de unha hora e media de traxecto por estradas en pésimas condicións". Así mesmo, protestaron pola insuficiencia do servizo médico a domicilio ante as urxencias.
![Protesta da veciñanza do Courel en Seoane (Foto: Nós Diario).](/media/nosdiario/images/2024/05/29/2024052914335748844.jpg)
"Temos casos como o dunha veciña que ficou gravemente mancada por non ter unha atención máis ou menos inmediata, a súa calidade de vida agora non é nada boa, está en cadeira de rodas por este motivo", sinala a Nós Diario Manuel Arza, un dos representantes da veciñanza.
"Desde a Xunta da Galiza botan a culpa ao Goberno estatal, mais a Sanidade é unha competencia galega. A situación é moi mala, non entendo como a xente pode soportar esta situación. Faise complicado vivir aquí", acrecenta Arza.
O colectivo de veciños e veciñas que protestou esta cuarta feira explica que contan cun vehículo de servizos sanitarios que chega até os domicilios, mais láianse de que este non é suficiente para as situacións máis graves e que requiren unha actuación máis urxente.
Máis de 70 quilómetros
"Hai puntos que se atopan a máis de 70 quilómetros do hospital de Monforte e o estado da estrada é cada vez máis perigoso, nestas circunstancias é imposíbel que a persoa atendida poida obter unha atención médica axeitada", conclúe Manuel Arza.