“O luns 27, mércores 29 e venres 31 de maio non haberá médico de mañá no C.S. de Seoane e Folgoso”. Con esta mensaxe anuncia un cartel que o centro de saúde de Folgoso do Courel (comarca de Quiroga) ficará sen persoal médico tres días da vindeira semana.
Deste feito fíxose eco Courel Vivo, que insiste ademais en que este feito non é máis que a continuación dunha serie de “recortes e degradación dos servizos”.
“Primeiro desapareceron as gardas nocturnas. Segundo, e xa de modo habitual, non se cobren axeitadamente as ausencias dos facultativos e das facultativas, xa sexan baixas, vacacións ou días de libre disposición”, relatan.
A falta de persoal médico no centro sanitario implica que “un só médico teña que cubrir as dúas consultas” da localidade, “reducindo a menos da metade o horario de atención ao paciente, como xa vén pasando ultimamente”.
Segundo afirma Courel Vivo, nos últimos tres meses, na ausencia por baixa dunha das facultativas do centro médico, “menos dun terzo dos días de consulta foron cubertos”.
Dinámica de “abandono”
“Seguindo con esta dinámica de abandono”, afirman, por parte do Servizo Galego de Saúde (Sergas), o concello de Folgoso do Courel non contará con persoal médico en ningunha das súas dúas consultas na segunda, cuarta e sexta feiras. Isto supón que nestes días moitas veciñas e veciños, por mor da dispersión xeográfica, terán o médico ou médica máis próximo “a unha hora e cuarto”.
“Desde Courel Vivo non imos calar”, alerta a organización, avanzando que exixirá “responsabilidades e solucións aos responsábeis deste atropelo”. “Xa estamos fartos das escusas de sempre, e que sexamos sempre os mesmos, as zonas de montaña máis afastadas dos hospitais de referencia, quen suframos as consecuencias. Imos chegar onde faga falta para que respecten os nosos dereitos”, conclúe.