A EHE afecta 400 explotacións de vacún dos Ancares

Vaca afectada pola EHE na Fonsagrada. (Foto: M.L)

A gandaría é unha das principais actividades económicas da comarca dos Ancares, con 864 explotacións de vacún en funcionamento en 2023. A coñecida como Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) está a afectalas de maneira importante, con máis de 400 casos rexistrados en toda a zona. A situación é tamén moi crítica na veciña comarca da Fonsagrada ou na área do Macizo Central, moi golpeada durante as primeiras semanas de agosto. A Xunta recoñece casos en de EHE en 27 comarcas veterinarias galegas.

A comarca dos Ancares é estes días a zona cero da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) que afecta máis de 400 explotacións e perto 1.300 cabezas de vacúns nos concellos de Baralla, Becerreá, Navia de Suarna, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro. Neste punto, o inspector veterinario da oficina comarcal agraria de Becerreá da Xunta da Galiza, Ovidio Montaña, sinala a Nós Diario que “a situación nos concellos dos Ancares, coa excepción de Baralla, é moi grave”.

A enfermidade está causando graves prexuízos ás explotacións”, apunta Montaña, que indica que “aínda que a mortalidade nas vacas é de 1% das contaxiadas, no período no que están enfermas deixan de producir leite e na etapa na que están medicándose non podes vendelo”. Ao tempo, destaca as secuelas que quedan nos animais unha vez pasada a doenza, que é unha das cuestións que máis preocupa aos gandeiros”.

As vacas quedan moi tocadas, perden peso, porque deixan de comer e de beber, e aumenta de forma exponencial a posibilidade de que padezan abortos”, continúa Montaña, quen sinala que “determinados estudos afirman que os touros despois de sufrir o virus de EHE poden ficar infértiles”. Neste punto, insiste en que “a EHE está causando moitas perdas e o lóxico é que a Administración se fixese cargo da vacinación do animais, que actualmente están pagando os propios gandeiros e gandeiras”.

A situación é tamén moi grave na comarca da Fonsagrada, unha das zonas punteiras da Galiza en produción cárnica. A este respecto, Xosé María Campos, gandeiro do municipio da Fonsagrada con varios exemplares afectados por EHE, explica a Nós Diario que “os animais sofren moito porque nin comen nin beben, sáenlles chagas e nós tamén sufrimos porque nos sentimos abandonados pola Administración que nin nos informa nin abre liñas de axuda”.

“A cousa está moi mal”

“A cousa está moi mal”, asegura Campos, que desvela que “aquí, na miña aldea, en Vilalba de Trapa [concello da Fonsagrada], hai cinco explotacións e nas cinco hai animais con EHE”. Neste sentido, amósase “moi preocupado polo impacto económico da enfermidade nas explotacións. A visita do veterinario non baixa de 100 euros, o persoal experto di que hai 100% de posibilidades de infertilidade naqueles touros que padecen a doenza e tamén dun aumento dos abortos nas vacas ou de casos de fetos con malformacións”.

Macizo Central é outra das zonas máis afectadas pola EHE. Nesa comarca, os primeiros casos rexistráronse na segunda quincena de xullo, concentrándose a maioría deles nas primeiras semanas do mes de agosto. Neste sentido, Lucía Martínez, gandeira de Chandrexa de Queixa (Terra de Trives), con varios animais infectados, desvela a Nós Diario que “todo o Macizo Central está moi afectado, aquí no concello Chandrexa de Queixa todas as gandarías tiveron algún caso e unha situación moi parecida deuse nos municipios limítrofes de Castro Caldelas, Vilariño de Conso ou Manzaneda”.

'Un autentico desastre'

“Aquí foi un autentico desastre” asevera Martínez, que denuncia que “non tivemos máis información que a que nos dabamos uns veciños a outros e os veterinarios clínicos e da Xunta estiveron absolutamente desbordados diante da situación”. A este respecto, reclama do Goberno galego “axudas, porque tivemos uns gastos moi elevados en medicamentos e os gastos aínda foron maiores para aquelas explotacións onde morreu algún animal.

Até 27 comarcas veterinarias afectadas

A doenza está xa estendida  por un número importante das comarcas galegas. Neste punto, a Xunta da Galiza recoñece que hai “focos en 27 comarcas veterinarias”, sinalando A Fonsagrada, A Gudiña, A Limia, A Paradanta, A Ulloa , Allariz, Baixa Limia, Chantada, O Deza,  Lugo-Maceda, O Carballiño, O Condado, Os Ancares, Ourense, Pontevedra-O Morrazo, Sarria, Tabeirós Terra de Montes Terra de Caldelas, A Terra Chá-Guitiriz, Terra de Celanova, Terra de Lemos-Quiroga, Terra de Trives, Ribadavia, Valdeorras, Verín e Viana.

As gandarías afectadas pola EHE contactadas por Nós Diario maniféstanse moi críticas coa posición adoptada polo Goberno galego. A este respecto, Campos denuncia que “non hai axudas por parte da Xunta da Galiza, sentímonos abandonados e non hai previstas vacinacións por parte da Administración”. Na mesma dirección, indica que “os seguros agrarios non cobren os gastos derivados da doenza, que son os máis importantes e vacinar unha vaca ten un custo de 10 euros por cabeza”.

Martínez é da mesma opinión de Campos e reclama fondos suficientes para facer fronte a esta emerxencia sanitaria nas explotacións. Precisamente, en 2023 o Goberno galego destinou 196.000 euros para paliar a morte dos animais afectados pola doenza, que aínda están sen cobrar por parte dos afectados a esta altura de 2024. Ao tempo, a contía dedicada a esta función pola Xunta da Galiza estivo moi por baixo doutras comunidades, como Asturias, que dedicou tres millón de euros, ou Castela e León, que achegou oito millóns. 

As organizacións agrarias levan varias semanas reclamando á Xunta da Galiza medidas contra a enfermidade. Neste sentido, entidades como a Federación Rural Galega (Fruga), o Sindicato Labrego Galego (SLG) e Unións Agrarias (UUAA) demandan fondos públicos que permitan cubrir a totalidade dos custos ocasionados polo tratamento desta doenza como a desinfección nas explotacións, os abortos e o lucro cesante, derivado da caída da produción de carne e de leite.

As orixes da doenza da EHE

A Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) maniféstase cun proceso infeccioso non contaxioso, causado por un virus da familia Reoviridae que se transmite por uns mosquitos (Culipoides spp.) cuxo ciclo biolóxico actívase coa suba das temperaturas. A este respecto, o veterinario Ovidio Montaña destaca que é un tema do que aínda non existe moita bibliografía e lembra que a vacina estase usando sen pasar a proba de campo que require. Neste sentido, profesionais destacan que na súa forma sobreaguda, a EHE ataca principalmente o bazo e os pulmóns.