Unha empresa hispano-xaponesa entra na carreira pola eólica mariña na Galiza cun proxecto de 540 MW

Un parque de eólica mariña (Foto: Europa Press)
O parque construiríase fronte ás Rías Baixas. Xa son 20 os proxectos que aspiran a levar unha porción da eólica mariña galega.

Unha empresa hispano-nipoa entra na carreira pola eólica mariña en augas galegas. Univergy Solar presentou un proxecto de 540 MW de potencia. A empresa acaba de presentar ante o Ministerio para a Transición Ecolóxica a documentación para iniciar a tramitación de dito parque eólico mariño. 

O proxecto denomínase 'Pinzón' e presente construírse na costa suroeste da Galiza, ou o que é o mesmo, na zona 1 estabelecida polos plans de ordenación do espazo marítimo (POEM) fronte á costa das Rias Baixas.

Pouco máis se sabe desta proposta. Unha vez o Ministerio para a Transición Ecolóxica xa recibiu este proxecto, en próximas datas coñeceranse todos os detalles do mesmo, posto que vai saír a exposición ao público, de tal modo que as administracións públicas poderán emitir informes para avaliar o seu posíbel impacto.

"Ser líderes"

A empresa que figura como promotora da actuación é Univergy Renovables Hidrógeno SL, pertencente ao grupo Univergy Solar, que, da man de empresarios españois e xaponeses, comezou a súa actividade en Xapón hai algo máis dunha década. 

Na súa web esta firma expón que a súa misión é "ser parte e motor do cambio de modelo enerxético a nivel mundial, promovendo a utilización intensiva das enerxías renovábeis", e proponse "ser líderes en desenvolvemento de enerxías renovábeis en 2030 nas nosas xeografías de referencia".

Así pois, xa son 20 os proxectos que aspiran a levar unha porción do suculento pastel da eólica mariña galega. A última firma antes de Univergy Solar en apuntarse á poxa —aínda pendente— polo espazo marítimo delimitado para este tipo de infraestruturas na costa da Galiza foi a francesa Qair Renewables, que rexistrou a mediados de agosto no Ministerio para a Transición Ecolóxica o parque denominado Roleira, do que aínda se descoñecen os detalles.

Ferrovial, Iberdrola, Capital Energy, BlueFloat, Invenergy... até unha decena de compañías promoven os 20 parques previstos en augas galegas, e ningunha delas ten a súa sede na Galiza.