Os estudantes encerrados no reitorado da USC son desaloxados

Protesta de estudantes da USC por Palestina na praza do Obradoiro, esta cuarta feira. (Foto: Arxina)
A acampada pro Palestina tamén é expulsada da Facultade de Xeografía e Historia.

Os estudantes que estaban encerrados no reitorado e na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC) foron desaloxados a primeira hora desta cuarta feira. Os estudantes, tras o abandono do Colexio de Santo Xerome, optaron por concentrarse na Praza do Obradoiro, onde permanecen tamén varias unidades de Policía.

Así, os membros da chamada acampada pro Palestina atópanse na emblemática praza compostelá con bandeiras palestinas e gritando consignas como “Que viva a loita do pobo palestino". O reitor da USC, Antonio López, e o seu equipo de Goberno convocaron unha comparecencia ante os medios na mañá desta cuarta feira para informar dos últimos acontecementos.

Un grupo de arredor de 20 estudantes comezou na tarde da pasada segunda feira un feche na sede do reitorado compostelán e na xornada da terza feira impediron o acceso ao persoal no edificio. Ademais, a mediados de maio xa iniciaran un feche na Facultade de Xeografía e Historia. Todo iso para denunciar o "xenocidio" do pobo palestino e exixir á institución académica, entre outras cuestións, a ruptura con empresas, organizacións e universidades vinculadas con Israel.

Os manifestantesseguen con dúbidas e desconfianza sobre a vontade de diálogo manifestada polo reitor e denuncian que si houbo "violencia" durante os desaloxos dos peches na Facultade de Xeografía e Historia e do Pazo de San Xerome, sede do Reitorado, realizados pola Policía Nacional. A pesar deste operativo, ao longo de toda a mañá continuaron protestando no centro histórico —ante a Casa da Balconada, na Praza do Obradoiro, rodeados de furgóns e axentes— con proclamas que non só se dirixían contra Israel, senón tamén contra o propio López, ao que cualificaron de "sionista, hipócrita e racista"; e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

Protesta da Asemblea por Palestina, esta cuarta feira, no Obradoiro. (Foto: Europa Press)

Aínda que a USC segue a tenderlles a man para dialogar e, para ese efecto, constituíu unha comisión en apoio ás universidades e estudantes palestinos, os manifestantes pregúntanlle: "Se quería falar, que sentido ten que [a Policía] entrase pola noite?". Fronte ás palabras do reitor, quen asegurou que os desaloxos tanto en San Xerome como en Xeografía e Historia foron "pacíficos", María Amigo e Roi Peñabalde, participantes nos feches, relataron aos medios de comunicación episodios de violencia e "incumprimentos de protocolos" por parte dos axentes da Policía Nacional.

Por exemplo, contan que na Facultade de Historia había catro persoas acampadas e que foron até alí "cinco furgóns": "Iso non pode ser pacífico de ningunha das formas". Segundo a súa versión, unha moza sufriu unha "patada nunha costela" e houbo —sempre segundo as súas palabras— empurróns, humillacións e "mesmo tocamentos".

Estes dous portavoces cualificaron de "mentira" esa apertura ao diálogo da USC, porque "hoxe" ían permitir a actividade no Pazo de San Xerome pero foron desaloxados. Ademais, critican que o comunicado do reitor puña como condición para negociar "que desaparecésemos". "Hoxe hai case máis policía que xente manifestándose, é ridículo. Están tentando reprimir o movemento, pero non o van conseguir", aseverou Amigo.

"Mentiras" da USC

Así mesmo, tras a rolda de prensa ofrecida polo reitor da USC na Casa da Balconada, durante a cal se manifestou un grupo de mozos na porta, dous encapuchados compareceron ante os medios para acusar a universidade de contar "mentiras" sobre os seus feches. "Non rompemos nada, non fomos violentos", aseguraron.

Tamén cualificaron de "inexistente" a apertura ao diálogo da universidade, porque os correos electrónicos que remitiron ao reitor para tentar abrir unha negociación foron respondidos "con furgóns da Policía". Sobre as 16 exixencias que mantén este colectivo, entre elas cortar relacións con toda empresa e entidade que teña negocios con Israel, os representantes aseveraron que "son fixas", aínda que "se poden matizar cousas".

Así, consideran que a comisión proposta polo reitor e os manifestos que asinou a universidade condenando os bombardeos na Faixa de Gaza son "insuficientes" e constitúen só, din, "un lavado de cara".