Xustiza

A Fiscalía investiga Augas da Galiza polo "desleixo ante a contaminación procedente da mina de Touro"

Verteduras supostamente procedentes da mina de Touro denunciadas por Ecoloxistas en Acción. (Foto: EA)
A Fiscalía provincial da Coruña acordou abrir dilixencias de investigación preprocesal para, no marco dunha investigación penal, indagar se hai indicios de delito no proceder de Augas da Galiza, apuntan desde Ecoloxistas en Acción.

Ecoloxistas en Acción vén de denunciar ante a Fiscalía a "contaminación procedente da mina de Touro" alegando que, "a pesar de anos de interpor continuadas denuncias", a Xunta da Galiza aínda non rematou coas "drenaxes contaminantes" desta mina. "Ante o desleixo de Augas da Galiza, estas verteduras contaminantes que afectan os ríos Pucheiras, Portapego, Felisa, Ameneiro-Lamas, Burgo, que verten aos ríos Lañas e Brandelos, seguen sen vida e isto esá ocasionando danos á calidade das augas destes afluentes directos do Ulla, xa na rede Natura 2000", advirte Isabel García, voceira de Ecoloxistas en Acción.

En consecuencia, a Fiscalía provincial da Coruña acordou abrir dilixencias de investigación preprocesal para, no marco dunha investigación penal, indagar se hai indicios de delito no proceder de Augas da Galiza, precisan as ecoloxistas. Para isto, a Fiscalía reclamou documentación, a respecto das verteduras da mina e a actuación da Xunta antes esta contaminación ambiental, tanto á Consellaría de Economía e Industria como a Augas da Galiza.

As investigacións iniciadas suporán a investigación de denuncias dos tres últimos anos que consten no Seprona e poderían ser sancionadas as autoridades ou funcionarios públicos que, "a sabendas, tivesen informado favorabelmente a concesión de licenzas manifestamente ilegais que autorizaran o funcionamento de actividades contaminantes, silenciasen as infraccións ou omitisen a realización de inspeccións de carácter obrigatorio".

A organización ecoloxista asegura que "non hai dúbida" de que é a actividade do complexo mineiro "a causante deste grave impacto ambiental", e lembra que así quedou recollido na revisión do Plan hidrolóxico Galiza-Costa 2021-2027. Por iso, sinala como presuntos responsábeis penais dos feitos os actuais propietarios dos terreos e da concesión, "que son perfectamente coñecedores de que tiñan a obriga de restauración e do cesamento da contaminación ás augas". Tamén acusan a Xunta da Galiza de ficar "do lado do agresor ambiental" e de "protexer os intereses do infractor en vez dos da poboación afectada".

Ademais, Ecoloxistas en Acción considera que Augas da Galiza ten que paralizar a "autorización de verteduras encuberta" outorgada á empresa Explotaciones Gallegas, "que lle permite achicar augas tóxicas da balsa de lodos mineiros do Vieiro ao río Pucheiras", extremo sobre o que a Administración ten aberta outro expediente. 

Ecoloxistas en Acción alerta que a autorización destas verteduras "implica legalizar unha vertedura de máis dun millóns catrocentos mil litros de augas tóxicas por ano ao rego Pucheiras, no sistema fluvial do Ulla-Deza". Un rego que "xa está desprovisto de fauna e flora actualmente ao seu paso polos terreos da mina fechada". Lembran que o Pucheiras é tributario do río Brandelos, o cal desemboca no río Ulla onde xa forma parte da Rede Natura 2000, apenas catro quilómetros augas abaixo, e que inclúe a desembocadura do mesmo na ría Arousa.