Parlamento

A Xunta avala a mina de cobre de Touro e defende que o proxecto ten "diferenzas substanciais" co que rexeitou en 2020

A nacionalista Iria Carreira acusa o Goberno galego de estar "máis pendente de favorecer o lucro dunha grande empresa que de favorecer a este país".
A conselleira de Economía, María Jesús Lourenzá, esta cuarta feira, no Parlamento. (Foto: Xunta)
photo_camera A conselleira de Economía, María Jesús Lourenzá, esta cuarta feira, no Parlamento. (Foto: Xunta)

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, defendeu esta cuarta feira no Parlamento que o actual proxecto da mina de cobre entre os municipios de Touro e O Pino, na comarca de Arzúa, ten "diferenzas substanciais" co que foi rexeitado en 2020 pola propia Xunta da Galiza ao non superar o trámite ambiental. No pleno da Cámara, Iria Carreira (BNG) exixiu á Xunta reverter a declaración de proxecto industrial estratéxico outorgada pola Xunta á iniciativa de Cobre San Rafael na mina, debido a que "non ten cambios significativos respecto ao presentado en 2017".

Carreira alerta de que esta mina "leva tempo danando" o río Ulla e os seus afluentes, ademais do encoro de Portodemouros e a ría de Arousa, da que viven unhas 4.000 persoas fronte aos "nin sequera 400" postos de traballo que prevé este proxecto. Denuncia que haberá unha balsa de 23 millóns de residuos tóxicos "a 500 metros" de Arinteiro, en Touro.

A nacionalista avisa tamén de que este proxecto e mais o de Altri na Ulloa supoñen unha "ameaza" para a contorna, e lembra que os veciños e veciñas xa se mobilizaron no seu día. A deputada acusou a conselleira e o Goberno galego de estaren "máis pendentes de favorecer o lucro dunha grande empresa que de favorecer a este país". Ademais, Carreira lembrou que o alcalde popular do Pino, Manuel Taboada, asegurou que non tiña "ningunha información máis que a que sacaba a prensa".

A Xunta considérao diferente

Pola súa parte, Lourenzá tachou os nacionalistas de "pitonisos" por criticaren un proxecto que "non se coñece" e que "non comezou a tramitación" ao non realizarse aínda a declaración pública, "pero xa sabe que vai danar a saúde pública e o medio ambiente", criticou, afirmando que o BNG "está a falar sen ter a información".

A conselleira admite que o anterior proxecto "non era viábel", pero neste novo "haberá que ver se ten unha declaración de impacto ambiental favorábel ou desfavorábel". Remarca que a declaración de proxecto estratéxico faise porque cumpre as condicións de emprego, investimento e ser unha cadea de valor estratéxica para a UE, debido a que suporá case 400 empregos directos e a atracción de perto de 200 millóns de investimento. E reprocha ao Bloque que se propuxo " destruír a economía da Galiza".

Xustifica que os técnicos da Xunta avalaron que se trata dun proxecto con "diferenzas substanciais" con base en cuestións como que a "área de afección é superior para incluír completas medidas de remediación de pasivos ambientais antigos" e "corrixe a implantación dalgunha infraestruturas para mellorar a protección do patrimonio arqueolóxico".

"Lamento moitísimo ter que dicir iso", dixo Lourenzá, sobre as palabras de Carreira en relación co alcalde popular do Pino, "pero quizais antes de falar os alcaldes téñense que informar sobre o que teñen asinado", espetou. A intervención da conselleira terminou cunha ovación de todos os deputados populares presentes na Cámara galega.

Comentarios