Ensino

Aprobada a nova ABAU, que entrará en vigor en 2025 e incluirá estas novidades

Ernest Urtasun, Pilar Alegría, Teresa Ribera e Pablo Bustinduy, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros desta terza feira. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
A nova selectividade conta "tanto cunhas estruturas como cunhas características básicas e con criterios de corrección comúns para todos os territorios", defende a ministra Pilar Alegría.

O Consello de Ministros, a proposta do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, aprobou esta terza feira a nova proba de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU), que entrará en vigor en xuño de 2025. Así o anunciou a ministra do ramo, Pilar Alegría, durante a rolda de prensa posterior ao Consello.

A tamén portavoz do Goberno explicou que a nova selectividade conta "tanto cunhas estruturas como cunhas características básicas e con criterios de corrección comúns para todos os territorios". Unha proba que foi, dixo, "amplamente debatida coas comunidades autónomas, coas universidades, cos órganos dos reitores, cos estudantes e coas familias, e que se aproba hoxe no Consello de Ministros para porse a partir do verán do ano que vén en marcha", sinalou.

Na nova ABAU, as faltas de ortografía baixarán 10% a nota nos exames e o alumnado poderá elixir entre distintas preguntas que, con todo, requirirán que estudasen todo o temario. Tamén se manteñen as preguntas tipo test.

Os exercicios estarán estruturados en diferentes apartados que, á súa vez, poderán conter unha ou varias preguntas ou tarefas. Estas poderán requirir respostas fechadas, semiconstruídas ou abertas, sempre que en cada un dos exercicios a puntuación asignada ao total de preguntas ou tarefas de resposta aberta e semiconstruída alcance como mínimo o 70%.

En cada materia farase entrega dun único modelo de exercicio. Con todo, nalgúns apartados poderase incluír a posibilidade de elixir entre varias preguntas ou tarefas, sempre que esta elección non implique a diminución do número de competencias específicas obxecto de avaliación.

Naqueles exercicios nos que as preguntas ou tarefas propostas requiran a produción de textos por parte do alumnado, a valoración correspondente á coherencia, a cohesión, a corrección gramatical, léxica e ortográfica dos textos producidos, así como a súa presentación, non poderá ser inferior a 10% da cualificación correspondente á pregunta ou tarefa.

Con todo, o decreto da nova ABAU precisa que a aplicación destes parámetros que baixan 10% a nota polas faltas de ortografía e gramaticais "poderá flexibilizarse no caso do alumnado con necesidade específica de apoio educativo".