Gran Bretaña abre investigación polo naufraxio do 'Argos Xeorxia'

Reencontro dos sobreviventes galegos do 'Argos Xeorxia' coas súas familias (Foto: César Arxina / Europa Press).

Os corpos dos falecidos partirán esta terza feira de Malvinas a Oxfordshire (Reino Unido), onde se lles realizará a autopsia

O servizo británico de investigación de accidentes marítimos (Marine Accident Investigation Branch) publicou esta segunda feira a apertura de expediente para investigar o naufraxio do 'Argos Xeorxia', ocorrido o pasado 23 de xullo, que deixa nove falecidos, catro desaparecidos e 14 sobreviventes.

Segundo recolle a apertura de ficha deste sinistro, o afundimento deste barco con bandeira de Santa Elena produciuse a unhas 200 millas ao leste de Porto Stanley (Illas Malvinas) e con malas condicións no mar.

O servizo de Gran Bretaña de accidentes marítimos expón que realiza esta investigación en nome do Goberno de Santa Elena, un territorio británico subtropical de ultramar que se atopa no medio do Atlántico Sur, a 1.200 millas de África e 1.800 millas de Sudamérica.

Respecto diso, a Delegación do Goberno español na Galiza remarcou que "se trata dunha investigación que levan a cabo as autoridades británicas e nas que o Goberno non ten competencias".

Con todo, por parte do Estado español a Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim) "si actuará e participará da investigación para estabelecer as causas técnicas que produciron o accidente marítimo nas Malvinas".

Mentres, o presidente da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), Javier Touzas, explica a Europa Press que continúa a procura de desaparecidos cun barco de Malvinas, así como o buque 'Argos Helena' -unha embarcación da armadora 'Argos Froyanes', á que pertence o buque afundido- e o apoio dun medio aéreo.

Por outra parte, fontes consultadas por Europa Press aseguraron que, se o tempo o permite, os corpos dos falecidos na traxedia partirán esta terza feira de Malvinas a Oxfordshire (Reino Unido), onde se lles realizará a autopsia.