"Liberemos a Galega": o comité intercentros e 40 organizacións impulsan unha ILP para rematar co "secuestro" da CRTVG

A xornalista Tareixa Navaza, no centro, portavoz da plataforma que impulsa a ILP, durante a comparecencia. (Foto: Arxina)
A ILP formalizarase  en setembro e en outubro comezará a recollida das sinaturas 

"A sociedade galega debe saír ao rescate dos seus medios públicos e expresar a firme vontade de defender unha radiotelevisión pública galega ao servizo da sociedade galega". O comité que representa o persoal da CRTVG e 40 organizacións sociais, sindicais, culturais, profesionais ou políticas resumen así a intención da ILP que esta quinta feira presentaron en Compostela e que na primeira semana de setembro se formalizará no Parlamento galego para, a partir de aí, recoller as sinaturas precisas para que se debate na Cámara, un mínimo de 10.000.

A Iniciativa Lexislativa Popular nace, pois, cun obxectivo que os seus promotores resumen no lema "Liberemos a Galega". Esta quinta feira compareceron na capital galega representantes de varias das entidades que participan nesta iniciativa e en cuxa comisión promotora están Tareixa Navaza, Xurxo Souto ou Manuel Pampín, entre outros. A propia Tareixa Navaza exerceu esta quinta de portavoz desta plataforma, que denuncia que o Goberno galego "mantén secuestradas a radio  televisión" e acusa a actual dirección da CRTVG, co seu director xeral á fronte, Alfonso Sánchez Izquierdo, de "actuar ao servizo da forza política no Goberno (PP)". "Antepón [Sánchez Izquierdo] os intereses do Partido Popular aos do servizo público", critícase no manifesto de apoio a esta ILP.

O actual director xeral da CRTVG, "designado a dedo hai 13 anos polo daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo", constitúe a expresión "dun modelo de radiotelevisión que non garante a independencia do ente público". Ao contrario,  apuntou, neste tempo reduciuse "a variedade, o equilibrio e a calidade" do conxunto de programacións e servizos audiovisuais destinados aos diferentes públicos e posibilitouse mesmo "a emisión noutras linguas distintas do galego", que é o idioma que dá sentido aos medios públicos da Galiza.

Ademais, proseguiu Navaza, ao longo destes anos tampouco se potenciou a participación e o control social ao tempo que se deu entrada ao capital privado, deixando "nas súas mans boa parte da programación da CRTVG, comprometendo os valores de servizo público".

Por iso, esta iniciativa, ten por obxectivo modificar a actual Lei de medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza, pola que se rexe a CRTVG, "para liberala do secuestro do Partido Popular e poñela ao servizo do pobo".

"Democracia plena"

"Un país que non ten medios públicos que funcionen non ten unha democracia plena", afirmou Tareixa Navaza. A xornalista lembrou que son xa varios anos de mobilizacións, protestas e iniciativas para "defender o dereito da cidadanía" a ter uns medios públicos "que non lle secuestren" a información.

Navaza quixo ter unha especial mención para os profesionais da radio televisión pública galega que "están nesta pelexa sen tirar a toalla, unha pelexa que a eles e elas lles custa sangue, suor e bágoas, que lles custa problemas laborais e familiares". "Queremos que a CRTVG sirva a quen ten que servir, o pobo galego", demandou a recoñcida xornalista. A xornalista mesmo se dirixiu directamente ao PP para pedirlle que "tanto que enchen a boca coas palabras democracia e liberdade", permitan que se aplique estes principios no día a día dos medios públicos galegos.

A comparecencia na Libraría Couceiro de Compostela anunciou a posta en marcha do proceso da ILP. En setembro formalizarase ante a mesa do Parlamento galego e unha vez que este trámite estea feito comezarase a recollida de sinaturas. 

Os promotores calculan que a campaña para recoller as firmas necesarias principiará cara ao vindeiro mes de outubro e que se estenderá durante un prazo de catro meses. Se ben as sinaturas precisas son 10.000, Tareixa Navaza, a título persoal, mostrou o seu convencemento de que esa cifra de sinaturas podería até triplicarse. "Son optimista".

Paulo Carril, secretario xeral da CIG, anunciou durante a comparecencia desta plataforma que a idea é a de facer unha campaña de recollida de sinaturas "tan intensa como necesaria é rescatar a CRTVG". Neste sentido, apuntou Carril, desenvolveranse "todo tipo de accións e actuacións" durante eses meses de recollida.

Autoridade independente

Finalmente, na comparecencia instouse aos poderes públicos de Galiza ao cumprimento da normativa do sector audiovisual xestionado pola Xunta, "nomeadamente a designación do director xeral por maioría cualificada do Parlamento; o estabelecemento dos obxectivos xerais que debe cumprir a CRTVG, a través do correspondente mandato marco; a aprobación do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos, ou a creación dunha autoridade audiovisual independente que vele polo cumprimento das misións de servizo público encomendadas á CRTVG, conforme aos principios expresados na propia Iniciativa Lexislativa Popular". 


Un manifesto con nove demandas 

O manifesto de apoio á ILP presentado esta quinta feira contén nove puntos en forma de demandas e propostas. primeira delas é a trabe que ao longo destes anos motivou movementos como Defende A Galega: "Garantir o respecto escrupuloso á obxectividade, a imparcialidade, a neutralidade, a veracidade e o pluralismo informativo, erradicando a manipulación e a cancelación de contidos e profesionais". Na mesma liña, o segundo punto pide "respecto ao pluralismo e á participación democrática de toda a sociedade galega".

Recuperar a cobertura territorial de todo o país e as desconexións locais; promover e defender a identidade de Galiza, da súa lingua e da súa cultura; ou fomentar a través dos contidos a igualdade e a non discriminación, a diversidade sexual, integrando a perspectiva de xénero, son outras das demandas recollidas.

Completan a lista: ter un papel estratéxico na converxencia dixital, dar especial atención á programación para infancia e mocidade, dispor dos medios necesarios para exercer o seu labor ou "cumprir a súa función como motor da produción audiovisual independente, con transparencia e evitando a concentración das compras nun número reducido de provedores".

Organizacións asinantes

A Mesa pola Normalización Lingüística, Anova-Irmandade Nacionalista, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Asociación de Escritores en LIngua Galega, Asociación de Gaiteiras Galegas, Asociación de Profesionais da Rama Artística e da Dobraxe de Galicia APRADOGA, Asociación Lucenza Nigrán, Asociación pola Defensa da Ría, Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Avante LGTB+, BNG, CCOO, CGT, CIG, CNT, CUT, Defende a Galega, Erguer, Esculca, Federación Rural Galega (FRUGA), Fundación Luís Tilve, Fundación Moncho Reboiras, InvestiGal-Rede Galega pola Investigación, Mulheres Nacionalistas Galegas, Músicas ao vivo, Plataforma Feminista Galega, Plataforma Queremos Galego, Plataforma SOS Sanidade Pública, Plataforma Veciñal Mina Touro-O PINO NON, PSdeG-PSOE, REDE (Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia), Sindicato Ferroviario, Sindicato Labrego Galego, SOS Ficción en Galego, UGTGalicia, Vía Galega.