A Limpeza Simultánea de Ríos chega este domingo a 56 concellos da Galiza

Actividade de Adega este sábado en Soutomaior, comarca de Vigo. (Foto: Adega)

A XVII Limpeza Simultánea de Ríos "Móllate polos ríos", impulsada pola organización ecoloxista Adega e o Proxecto Ríos, decorrerá este domingo, 29 de setembro, en 56 concellos de toda a Galiza e nela participarán máis de 70 entidades, moitas delas súmanse por primeira vez a esta edición.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) organizou este sábado 28 de setembro un curso de formación do Proxecto Ríos no IES de Soutomaior. As persoas participantes coñeceron de primeira man o traballo do IES de Pontecaldelas e integrantes do grupo entomolóxico da Universidade de Vigo axudaron a identificar os macroinvertebrados. Foi na xornada previa do que este domingo, 29 de setembro, será a nova edición da Limpeza Simultánea de Ríos.

A XVII Limpeza Simultánea de Ríos "Móllate polos ríos", que impulsa a organización ecoloxista Adega e o Proxecto Ríos, decorre este domingo en 56 concellos de toda Galiza e nela participarán máis de 70 entidades (asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, centros de ensino…), moitas delas asiduas nestas limpezas e outras moitas que se suman por primeira vez a esta edición.

As limpezas simultáneas mobilizarán unha gran cantidade de persoas voluntarias que se mollarán polos ríos destes 56 concellos co obxectivo de deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social. Xa na sexta feira, 27 de setembro, decorreron limpezas simultáneas nas que participou alumnado de centros de ensino.

Adega indica que calquera persoa particular interesada no voluntariado ambiental pode unirse a esta Limpeza Simultánea de Ríos póndose en contacto coas propias entidades locais que artellen limpezas na súa localidade. Nesta web de Proxecto Ríos pódese consultar a listaxe destes concellos e asociacións organizadoras xunto cos seus datos de contacto, no caso de todos aqueles grupos que non estean xa fechados. A Caniza, A Coruña, Allariz, Ames, Baamonde, Betanzos, Catoira, Castro de Rei, Moaña, Monforte de Lemos, Ourense, O Irixo, Compostela, Vigo... Todas as persoas atoparán perto delas a posibilidade de calzar as botas e axudar ao coidado dos ecosistemas fluviais.

Limpeza Simultánea e Proxecto Ríos

A Limpeza Simultánea de Ríos pretende divulgar as chaves para realizar unha actuación ecolóxica nos ecosistemas fluviais. Neste sentido, ademais de pórse mans á obra para limpar os ríos, a organización ecoloxista Adega repartirá un Protocolo de Limpeza de ríos que tamén se pode descargar na web de Adega.

O Proxecto Ríos, coordinado na Galiza por Adega, é un programa de educación e voluntariado ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos ao proporcionar ferramentas que garantan a súa participación.