Máis de 3.500 raios caeron na Galiza na tarde da segunda feira

Mapa cos lugares onde caeron os lóstregos (Foto: Meteogaliza)

O desborde de sumidoiros provocou numerosas inundacións en Lugo, aínda que sen rexistrarse danos persoais

As estacións que Meteogalicia rexistraron máis de 3.500 lóstregos na Galiza, a maioría nas comarcas do leste do país, nunha tarde con fortes choivas e sarabia en numerosas localidades.

Tamén se notificaron choivas de máis de 10 litros por metro cadrado nun espazo de tempo de 10 minutos, así como sarabia e un descenso "moi brusco" da temperatura. A maioría de raios rexistráronse entre as 14:00 horas e as 18:00 horas, co centro de Lugo e a Montaña como áreas máis afectadas. De feito, tal e como informou a Dirección Xeral de Emerxencias, activouse unha aviso laranxa por tormentas nesas zonas.

Do mesmo modo, tamén se mantén activo un aviso de nivel amarelo por tormentas e choivas que afecta á Mariña desde as 19:00 horas desta sgeunda feira. A precipitación acumulada nunha hora podería superar os 15mm. Tamén hai probabilidade de sarabia.

Incidencias

A forte tormenta rexistrada especialmente en Lugo deixou numerosas incidencias, principalmente, na capital lucense. Alí, o Concello sinalou que a pesar de "a magnitude da choiva e da espectacularidade dalgunhas imaxes", as incidencias foron "baixas".

Segundo detallou o consistorio municipal, os servizos de emerxencias, incluíndo Protección Civil, o corpo de bombeiros e a Policía Local, traballan "intensamente" para restabelecer a normalidade.

Entre as incidencias rexistradas, numerosas balsas de auga en rúas como Fontiñas, a Ronda da Muralla, a Avenida da Coruña, pero tamén na Avenida Infanta Elena e na zona do Polígono do Ceao, onde condutores víronse atrapados polo nivel que alcanzou a auga.

Do mesmo modo, as fortes choivas tamén provocaron que os sumidoiros se desbordasen en lugares da zona histórica da capital lucense. Así mesmo, o Concello agradeceu a dedicación do persoal de emerxencias, así como a prudencia dos veciños, "cuxa conduta responsable evitou danos persoais".

Pero tamén en localidades da Montaña como Pedrafita do Cebreiro ou As Nogais os servizos de emerxencias non pararon durante toda a tarde, aínda que as incidencias non provocaron danos persoais, segundo sinalaron fontes dos operativos de emerxencias consultadas por Europa Press.

A tormenta de verán descargada durante a tarde desta segunda feira tamén se deixou notar noutras zonas do país, como en Ourense ou na comarca de Valdeorras, en concreto, en Carballeda de Valdeorras.

Noutras zonas como o concello de Allariz, os veciños e visitantes víronse sorprendidos pola sarabia, algo que tamén ocorreu en municipios como Melide (Terra de Melide) ou en Monforte de Lemos (Terra de Lemos).