O movemento feminista mobilízase contra a incorporación á docencia dun profesor condenado por agresión sexual a unha alumna

Concentración esta segunda feira, 2 de setembro, no CEIP Prácticas de Ourense. (Foto: Nós Diario).

O home foi condenado, nunha sentenza que non é firme, a 13 anos de prisión e 21 anos e medio de inhabilitación.

A Marcha Mundial das Mulleres (MMM) de Ourense convocou para esta segunda feira, 2 de setembro, unha concentración ás portas do CEIP Prácticas, para protestar contra a incorporación á docencia dun profesor condenado por abusos e agresións a alumnas doutro centro, o CPI Virxe da Saleta, en San Cristovo de Cea (comarca do Carballiño).

Este docente foi condenado a 13 anos de prisión e 21 anos e medio de inhabilitación en calquera oficio que supoña contacto regular a directo con persoas menores de idade. A sentenza emitida en xullo de 2024 non é firme, de aí que ao home, de 45 anos, se lle permitise incorporarse ás aulas  neste curso 2024-2025. Porén, e segundo confirmou a MMM a Consellaría de Educación avanzou a pasada sexta feria a suspensión do profesor condenado, decisión que non fixo renunicar o movemento feminista á súa convocatoria.

"A alguén lle pode parecer normal que sexa precisa unha rolda de prensa de urxencia o último día hábil antes de inicio de curso para que as autoridades movan ficha e tomen decisións? Pretenden que esquezamos que este profesor acusa do agresión sexual deu aulas, foi titor e mesmo acompañou a alumnas a execursiòns con pernocta no pasado curso?", publicou a MMM nas súas redes sociais.

O colectivo lembrou nos últimos días que "ante denuncias de agresión e abuso cómpre apartar o acusado cautelarmente" mentres a instrución e o proceso de denuncia identifiquen as responsabilidades. Os procesos xudiciais son longos até que hai sentenzas firmes e iso "non pode ser unha escusa para permitir que un agresor manteña contacto con potenciais agredidas".

A MMM non xustifica a demora do departamento que dirixe Román Rodríguez en se pronunciar sobre uns feitos que considera moi graves e por iso aadvirte: "Un aviso á Consellería e a todas as persoas da comunidade educativa implicadas no desenvolvemento deste tema: As mobilizacións non rematan aquí".

No caso concreto denunciado por este colectivo feminista, os feitos probados que aparecen na sentenza "alertan da irresponsabilidade colectiva que supón permitir que unha persoa que cometeu abusos empregando a súa autoridade como docente manteña contacto co alumnado".

Desde a MMM sinalan tamén á responsabilidade da Dirección do centro, o CEIP Prácticas, que entende debe pór ao dispor de alumnas e familias "todas as ferramentas posíbeis para garantir a seguridade das crianzas".

Coa concentración que decorru esta segunda feira ante o CEIP Prácticas de Ourense, a MMM quixo mostrar o seu apoio ás alumnas e ás familias deste centro, "que teñen unha fonda preocupación porque as aulas sexan seguras". E animou a todas as persoas a defender "aulas libres de agresores para a seguranza das nosas crianzas".