Produtoras en ecolóxico consideran que Altri pon en risco o tecido socioeconómico da comarca

O predio de Quintas (Palas de Rei, A Ulloa) no que Altri proxecta a macrocelulosa. (Foto: Juan Mañá)

A Plataforma de produtores e produtoras de ecolóxico de Galiza reprochan que o o proxecto industrial promovido por Greenfiber SL “non contempla o risco que a súa actividade representaría para o noso sector, a produción agrogandeira, e específicamente para as producións diferenciadas como a produción ecolóxica”,.

Máis voces desde o tecido produtivo contra o proxecto de Altri para Palas de Reis (A Ulloa). Desta vez, a Plataforma de produtores e produtoras de ecolóxico de Galiza (Proecogal), que teme polo impacto do proxecto no tecido socioeconómico na Ulloa e comarcas veciñas.

“Dende o noso colectivo entendemos que o modelo de industrialización formulado para o interior galego non pode pór en risco o tecido socioeconómico existente no territorio e especialmente o tecido agrogandeiro, que garante a cohesión territorial xerando un forte impacto”, sinalan nun comunicado.

A plataforma apunta que “é imprescindíbel que se teña en conta a produción ecolóxica á hora de valorar a viabilidade dun proxecto así dende o punto de vista ambiental, tendo en conta o impacto sobre a produción e o posible risco que representaría para a certificación das producións ecolóxicas. Máis aló, cómpre valorar a afectación a nivel de mercado, e percepción das consumidoras”.

Poñen o acento nos traballos e análises que se están dando a coñecer sobre as posíbeis consecuencias e repercusións que esta factoría podería ter para afirmar que a proposta de Altri “pon en risco a actividade agrogandeira de Galiza, un dos sectores tractores da nosa economía”.

Apuntan ao consumo insostíbel de auga, ás emisións dunha planta destas características, á presión sobre os usos da terra, como motivos para argumentar ese rexeitamento ao proxecto para A Ulloa.

“Entendemos que representaría unha ameaza dende o punto de vista do seu impacto ambiental e socioeconómico, especialmente para o tecido que conforma a produción ecolóxica  da Galiza”, conclúen.