Un proxecto eólico no Morrazo ameaza 40% da subministración de auga de Marín, Moaña e Vilaboa

O Morrazo pide ser un espazo singular libre de parques eólicos. (Foto: Eólicos no Morrazo Non).
O sector marisqueiro podería verse afectado por escorreduras de auga doce, debido á pouca permeabilidade do solo.

A Plataforma 'Eólicos no Morrazo Non', conformada por comunidades de montes, entidades ecoloxistas e colectivos sociais, ademais de persoas a título persoal, vén de dar a coñecer un informe sobre as características hidrolóxicas da Área de Desenvolvemento Eólico (ADE) declarada no Morrazo e na comarca de Pontevedra na que a empresa Arena Power busca instalar até 15 aeroxeradores de 180 metros de altura.

A ADE é un triángulo de 4.362 hectáreas, situada na súa dorsal granítica, equivalente á cuarta parte da superficie do Morrazo, mentres que o parque atinxiría terreos dos concellos de Moaña, Marín e Vilaboa.

Desabastecemento

Tras analizar as masas de auga e a rede fluvial que definen a contorna, a plataforma conclúe que, polo menos, un 40% do volume anual de auga dos municipios de Marín, Moaña e Vilaboa podería verse afectado dada a proximidade da infraestrutura eólica ás numerosas captacións das traídas veciñais.

Ademais, alerta de que a Escola Naval Militar de Marín estaría en risco de desabastecemento de auga, pois os aeroxeradores ficarían perto das 21 captacións que a institución militar ten no monte en man común de San Tomé de Piñeiro.

Ningún proxecto eólico é compatíbel cos 90.000 habitantes desta comarca

A construción da infraestrutura macroeólica implicaría novas pistas e voaduras con explosivos para a construción das zapatas que afectarían a capa freática e os mananciais utilizados para o consumo.

O abastecemento de auga no Morrazo está garantido a través das comunidades de usuarios de traídas veciñais cuxas captacións están localizadas nas partes máis altas. Por este motivo, representantes da plataforma insisten en que calquera proxecto de parque eólico no Morrazo é incompatíbel co abastecemento de auga aos seus habitantes.

Marisqueo e ribeira fluvial

O informe destaca outros elementos de risco desde o punto de vista hidrolóxico, como a posíbel afectación dun sector como o marisqueiro, que xera 55 millóns de euros anuais, en caso de producirse escorras de auga doce motivadas pola pouca permeabilidade do solo.

Adicionalmente, un de cada tres aeroxeradores invadirían a zona de policía de varios cursos fluviais segundo as localizacións publicadas do Rexistro Eólico da Galiza, ao que habería que engadir todas as plataformas, vías e liñas de evacuación do proxecto, por agora non dispoñíbeis ao público.

As conclusións do informe de 'Eólicos no Morrazo Non' salientan que a afección hidrolóxica na comarca podería ser maior, pois aínda se descoñecen moitos detalles do proxecto de Arena Power. Actualmente aínda non hai información sobre as plataformas de construción, as liñas de evacuación ou as vías que habería que crear ou ensanchar para a construción do parque eólico.

Eliminación da ADE

A plataforma salienta que a Área de Desenvolvemento Eólico está totalmente rodeada por diferentes figuras de protección como a Reserva Mariña Internacional das Rías Baixas ou a Enseada de San Simón e este ou calquera outro proxecto eólico non serían compatíbeis nin coa biodiversidade nin coas persoas.

Neste sentido, 'Eólicos no Morrazo Non' alerta de que unha serie de zonas húmidas, como as Brañas de Corno Pineda ou do Monte Sobreira, quedarían rodeadas polos aeroxeradores, "o cal sería incompatíbel coa súa protección", lamentan representantes do colectico. "Ningún proxecto eólico é compatíbel cos 90.000 habitantes desta comarca e, por tanto, a Área de Desenvolvemento Eólico debe ser eliminada canto antes".