A negativa da Xunta a cubrir as baixas por vacacións deixa en mínimos os servizos sanitarios

Concentración en Porto de Son contra os recortes sanitarios no centro de saúde na localidade. (Foto: Nós Diario).

As queixas polo funcionamento da sanidade pública percorren toda a Galiza. Onte mesmo, profesionais da saúde e veciñanza mobilizáronse en Rianxo e Porto de Son para denunciaren os recortes. A chegada das vacacións agrava os problemas de falta de persoal no sistema sanitario.

Profesionais da sanidade pública e veciñanza concentráronse onte diante dos centros de saúde de Porto do Son e de Rianxo para denunciaren os recortes sanitarios nas comarcas do Barbanza e de Noia. A protesta tivo lugar só cinco días despois de que a Xerencia da área sanitaria de Compostela-O Barbanza deixase sen urxencias, en horario de 15 a 22 horas, o punto de atención continuada (PAC) da Pobra do Caramiñal e cando a falta de persoal, sumada ao aumento da poboación polas vacacións, provoca un deterioro da calidade asistencial.

A pediatra do Hospital do Barbanza, en Ribeira, e voceira da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza, Marián Rodríguez, sinala a Nós Diario que “coas concentracións, reclamamos que se restabeleza a atención sanitaria en horario de 15 a 22 horas no PAC de Rianxo para resolver os graves problemas de cobertura que se dá no horario de tarde”. Ao tempo, demanda “a recuperación dos servizos de pediatras e de matronas no centro de saúde do Porto do Son, para evitar que a veciñanza deba trasladarse ao concello de Noia para recibir esas prestacións”.

Unha situación análoga dáse no resto das área sanitarias galegas. Na área de Vigo, o centro de saúde de Mondariz (O Condado) só conta con un de tres médicos; en Crecente (Paradanta) a asistencia médica préstase só dous días á semana e en Salvaterra (O Condado) un único facultativo atende unha poboación de máis de 10.000 habitantes. Ao tempo, na cidade olívica, os tempos de agarda para lograr unha cita en Atención Primaria superan de media os 20 días nos 17 centros de saúde do municipio, un período de espera semellante ao dos concellos da comarca do Morrazo.

A problemática non é diferente nas áreas sanitarias da Coruña e de Ferrol. Na primeira delas, os tempos de espera para conseguir unha cita presencial nos centros de saúde da área metropolitana da Coruña están por encima dos 20 días, como consecuencia da negativa da Consellaría de Sanidade a cubrir as baixas provocadas polas vacacións. Na segunda, aos elevados tempos de agarda súmase o recorte de prestacións en comarcas como Ortegal ou ao fechamento de centros de saúde, como o de Ferrol Vello, na propia cidade.

Feche de consultorios

As áreas rurais están a padecer de maneira significativa os recortes da Administración galega. No que vai de verán, a Xunta da Galiza fechou diversos consultorios de Atención Primaria en localidades como Castro de Rei (A Terra Chá), Mañón (Ortegal), Currelos, no concello do Saviñao (Terra de Lemos) ou en Doiras, no municipio de Cervantes (Os Ancares). Precisamente, Galiza atópase á cola do Estado español neste tipo de dotacións pensadas para prestar asistencia sanitaria á poboación rural. Este tipo de centros médicos reducíronse un 33,3% nos últimos 12 anos.

O portavoz de SOS Sanidade Pública, o médico de Atención Primaria Manuel Martín, expresa a Nós Diario “o temor a que estes fechamentos temporais aplicados nestes consultorios acaben por converterse en definitivos, como aconteceu con aqueles que deixaron de funcionar coa escusa da pandemia”. Ao tempo, alerta dos “recortes na especialidade de Pediatría, que se están notando de maneira moi clara durante este verán e que poden responder á táctica da Xunta de preparar a poboación para sacala de Atención Primaria e prestala desde os hospitais e só desde algúns centros de saúde”.

Pediatras

A falta de pediatras é recorrente en toda a Atención Primaria. Na comarca da Costa da Morte, na área sanitaria da Coruña-Cee, só se presta este servizo en Cee, após suprimilo en Muxía e Fisterra. Outro tanto acontece na comarca de Noia, onde a prestación foi concentrada nese concello, deixando sen especialistas en Pediatría a Lousame, Outes e Porto do Son. Na mesma liña, suprimiuse o servizo en Cariño (Ortegal) e a asistencia pediátrica en Atención Primaria na cidade de Vigo en quenda de tarde redúcese a tres dos 17 centros de saúde.

Martín considera que “os datos que imos coñecendo sobre o funcionamento da Atención Primaria durante este verán evidencian o fracaso das medidas anunciadas pola Consellaría de Sanidade”. Nesta orientación, conclúe que “eran só unha pantalla para dicir que facían algo pero non hai vontade de resolver o problema”.

As baixas derivadas das vacación acentúan os problemas estruturais da Atención Primaria. Só desde 2021, perdeu 61 prazas de persoal médico, pasando de 2.665 profesionais en 2021 a 2.604 en 2023. Ao tempo,  243 desas prazas permanece vacante durante todo o ano, o que deteriora a calidade asistencial. Na mesma liña, o número de especialistas de Pediatría que desenvolven a súa actividade no primeiro nivel asistencial diminuíu un 19,3% nos últimos 20 anos. Un total de 196 concellos galegos carecen desta prestación.

Polémica coa ambulancia medicalizada do Salnés

O Salnés é un dos puntos quentes dos recortes sanitarios na Galiza. A voceira de SOS Sanidade de Sanxenxo (O Salnés), Ana Camiña, asegura a Nós Diario que “no centro de saúde de Vilalonga non se están cubrindo as vacacións dos profesionais malia que no verán se cuadriplica a poboación en Sanxenxo”. Ao tempo, denuncia que “o traslado da ambulancia medicalizada de Vilagarcía a Sanxenxo non resolve o problema aquí e provoca graves situacións en Vilagarcía”.

Precisamente, o traslado da ambulancia de Vilagarcía a Sanxenxo xerou unha nova polémica entre o PSdeG e a Consellaría de Sanidade. Así, os socialistas sinalaron que “a decisión de priorizar a atención sanitaria en Sanxenxo, desprotexendo Vilagarcía e outras localidades é inaceptábel”. A Consellaría de Sanidade respondeu onte ao PSdeG afirmando que están a adoptar "as medidas necesarias" para "ofrecer a mellor asistencia en todo o territorio, tendo en conta as zonas en que se rexistra unha maior demanda nesta época estival".

A CIG-Saúde, pola súa parte, denunciou onte a "diferenza de trato que reciben os distintos concellos" na área de Pontevedra e puxo como exemplo os recortes de persoal en Vilagarcía e no do Grove para cubrir a atención sanitaria en Sanxenxo.