O TSXG paraliza cautelarmente un parque eólico de Greenalia a carón do Macizo Central ourensán

Aeroxerador de Greenalia xa operativo. (Foto: Greenalia)
A paralización foi solicitada por Adega.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza  (TSXG) vén de comunicar a Adega a suspensión cautelar da autorización emitida pola Xunta da Galiza o pasado ano ao polígono eólico Xesteirón, proxectado por Greenalia Wind Power en Chandrexa de Queixa e Montederramo, nas comarcas de Terra de Trives e Terra de Caldelas, respectivamente, ao carón do Macizo Central Ourensán. 

“Este parque eólico forma parte dun único macroproxecto xunto con Rodicio II, planeado pola mesma empresa nos concellos de Montederramo e Maceda, a escasos quilómetros de Xesteirón e co que comparte infraestruturas”, indica a oprganización ambientalista.

“Ambos os dous proxectos son resultado dunha fragmentación artificial artellada coa finalidade de minimizar os impactos do proxecto total no seu procedemento de avaliación ambiental”, afirma.

Adega informa que conseguiu tamén tamén no pasado mes de abril a paralización cautelar doutro polígono eólico, Rodicio II, de maneira que libra unha zona de alto valor ambiental, “cando menos ata que se dite sentenza, da construción dun macropolígono eólico que sería letal para avifauna ameazada e en perigo de extinción”.


“No espazo no que se pretende instalar habitan especies coma  o lobo ou a aguia real, o voitre branco e o millafre real. En concreto, Xesteirón proxéctase nas proximidades de varias das Zonas de Especial Conservación incluídas na Rede Natura 2000 e a súa poligonal atópase entre dúas áreas de interese para a preservación da avifauna, polo que actuaría de barreira para o paso de aves”, mantén Adega.

“O alto no que se instalaría acolle tamén hábitats de interese comunitario protexidos, alén de pequenos humidais de alto valor ecolóxico. Ademais, algúns dos aeroxeradores de 200 metros de altura prevense colocar a escasos metros das casas. O impacto na paisaxe sería moi significativo, xa que as súas infraestruturas se poderían ver desde espazos naturais tan emblemáticos coma o ZEC Macizo Central, o ZEC Bidueiral de Montederramo, os Altos de San Mamede, Simeón, ou Serra da Queixa e o Val da Edreira”.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza recolle no seu auto que a organización ecoloxista consegue demostrar nos informes presentados a presenza de "elementos ambientais altamente seníbeis ou ameazados" na zona afectada, polo que se acredita de forma "clara" que a construción do proxecto comporta un "risco de dano irreparable ou de difícil reparación dados os valores ambientais comprometidos".

As obras comprenden a apertura de pistas de gran anchura e de gabias para o soterramento dos cables de evacuación da electricidade, ademais do levantamento de zapatas de grandes dimensións a gran profundidade, unhas intervencións susceptíbeis de causar un "grave dano" na natureza, tal e como se sinala no auto. 


Por iso, o TSXG acóllese ao principio de precaución e cautela disposto polo Dereito Comunitario e decide paralizar cautelarmente o proxecto, ao entender que as "poderosas razóns ambientais" deben prevalecer en sede cautelar sobre as "razóns económicas". "Son fins loables tanto a transición como a soberanía enerxéticas, pero nin unha nin a outra se poden facer a costa da vulneración doutros bens xurídicos", sentenza.