O Estado tomba estes tres parques eólicos que Green Capital proxectaba na Galiza e O Bierzo

Os proxectos Ralea, Umbrío e Eco non superaran o trámite ambiental.
Aeroxeradores no polígono eólico de Sil e Meda, en Esgos (comarca de Ourense). (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera Aeroxeradores no polígono eólico de Sil e Meda, en Esgos (comarca de Ourense). (Foto: Agostime / Europa Press)

O Ministerio para a Transición Ecolóxica, a través da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, vén de rexeitar a implantación de tres parques eólicos promovidos por Green Capital Development (Capital Energy) na Galiza e O Bierzo. A través de senllas resolucións datadas do pasado 28 de maio e publicadas esta mesma terza feira no Boletín Oficial do Estado, o Ministerio tombou os proxectos denominados Ralea, Umbrío e Eco, todos eles tramitados de forma conxunta por acordo da Administración, após recibiren unha declaración de impacto (DIA) desfavorábel.

O primeiro deles, Ralea, prevía situar 23 aeroxeradores cunha potencia total acumulada de 138 megawatts (MW). O parque eólico Umbrío, pola súa parte, estaría conformado por 19 turbinas que sumarían 114 MW, mentres o proxecto Eco constaría de dez muíños cun total de 60 MW. Os tres xuntos reunirían 52 aeroxeradores e unha potencia de 312 MW.

Todas estas instalacións situaríanse nos termos municipais de Barxas, Vega de Valcarce, Balboa, Oencia, Cubillos de Sil, Sancedo, Arganza, Cacabelos, Corullón e Trabadelo, todos eles na comarca do Bierzo, e as súas infraestruturas de evacuación afectarían tamén o leste da Galiza.

Na DIA formulada en conxunto para estes tres parques, o Ministerio conclúe que non pode autorizalos ao identificarse a "posibilidade de impactos negativos significativos sobre o medio ambiente" para os que as medidas propostas pola compañía para mitigalos "non presentan garantía suficiente da súa axeitada prevención, corrección ou compensación".

No relativo ao impacto destas instalacións sobre os espazos naturais protexidos próximos á súa contorna, a DIA salienta a proximidade, entre outras, da Zona de Especial Conservación (ZEC) e Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) da serra dos Ancares, a só 320 metros ao nordés dun dos aeroxeradores, mentres outros dous muíños ficarían tamén a 85 e 89 metros de distancia, respectivamente, dos espazos protexidos dos Ancares e O Courel.

Neste senso, a Xunta de Castela e León concluíu que a proximidade dos aeroxeradores a estes lugares, así como a outros que tamén gozan de protección no Bierzo, poderían xerar un "impacto indirecto" sobre a Rede Natura 2000 ao afectar especies obxecto de conservación como a pita do monte, o oso pardo, o voitre leonado ou a aguia real.

Comentarios