A UDC promoverá unha cátedra por Palestina e non participará en actos con entidades de Israel

Uxía López, Marta García e Mar Rodríguez, esta cuarta feira, na Coruña. (Foto: UDC)

Cualificar de “xenocidio” a violencia que está a padecer o pobo palestino e o bloqueo da participación de institucións israelís en proxectos financiados con fondos europeos, entre as medidas acordadas polo Concello de Goberno da Universidade da Coruña.

A Universidade da Coruña (UDC) promoverá unha cátedra por Palestina e non participará en actos con entidades de Israel, segundo acordos trasladados ao Consello de Goberno. Tras o mesmo, no que se procedeu ás modificacións de titulacións e a proposta de novos mestrados para o próximo curso, deuse lectura a un manifesto por parte de Marta García, secretaria xeral da UDC.

Uxía López, representante do alumnado que estivo acampado, condenou, á súa vez, a violencia "á que está sometido o pobo palestino" e reivindicou as accións desenvolvidas polo colectivo que promoveu unha protesta reivindicativa no campus de Elviña.

Pola súa banda, Mar Rodríguez, de UDC por Palestina, ademais de avanzar que continuarán con iniciativas, destacou que se aprobaron os acordos por unanimidade, tras sesións de traballo previas, e resaltou o apoio recibido desde distintos ámbitos da universidade, así como a implicación de estudantes.

Manifesto

No manifesto, con participación do equipo de Goberno, da rede UDC por Palestina e estudantado acampado, recóllense seis puntos, entre eles cualificar de "xenocidio" a "violencia extrema" de Israel sobre o pobo palestino e reclamar o respecto aos dereitos humanos e á autodeterminación.

Inclúese tamén crear unha comisión que faga públicas as colaboracións que manteña a UDC con empresas, universidades, institutos, centros de investigación e institucións públicas israelís.

Informará os grupos de investigación da UDC sobre as medidas que fai falta tomar, así como da negativa de apoio institucional da UDC a todo proxecto ou contrato con institucións israelís. "Non participará en ningún acto académico nin institucional en que estean presentes", recolle tamén o manifesto.

A UDC promoverá nas universidades do Sistema Universitario Galego (SUG) unha iniciativa para solicitarlle á CRUE, á Xunta da Galiza, ao Goberno estatal e á Comisión Europea o bloqueo da participación de institucións israelís en proxectos financiados por fondos europeos.

Tomando como exemplo a iniciativa Rebuilding Hope da Universidade de Birzeit, a UDC comprométese a promover a comunicación coas universidades palestinas para coñecer as súas necesidades. Tamén a formalizar convenios e promover accións de visibilización de elementos culturais palestinos, entre outras iniciativas.

Titulacións

En relación ás titulacións, o Consello de Goberno da UDC aprobou a proposta de inclusión de tres novas titulacións de máster para o curso 25/26. Trátase dos títulos de Máster Universitario en Criminoloxía; Máster Universitario en Realidade Estendida e o Máster Universitario en Ciencias do Exercicio, Preparación Física e Readaptación Deportiva. Todos eles son de carácter interuniversitario.

Así mesmo, foi aprobada, entre outras cuestións, a modificación de titulacións de tres graos (Comunicación Audiovisual, Turismo e Logopedia), para a súa implantación no curso 25/26, cambios que veñen determinados fundamentalmente para a súa adaptación ao Real Decreto polo que se estabelece a organización do ensino universitario e do procedemento de aseguramento da súa calidade.