As traballadoras e traballadores da xustiza galega decidiron este febreiro dar un paso definitivo polas súas condicións laborais. Logo de tres meses de negociacións sen avances, e de sufrir continuos recortes neste servizo público, a convocatoria dunha folga indefinida recibiu o apoio masivo do persoal dos xulgados. O protesto foi secundado por máis do 80% das empregadas e empregados xudiciais do país. Unha mostra, consideran as organizacións sindicais, do amplo malestar que existe entre as 2.600 persoas que conforman o cadro laboral.
O comité de folga –que conta con representación das setes centrais do sector UGT, CIG, AXG-CUT, SPJ USO, CCOO, FeSP, CSIF e STAJ– recorda que foron numerosos os intentos durante as últimas semanas para acadar un acordo vía negociación. Unha porta que fechou o Goberno galego. A folga indefinida produciuse após tres paros parciais, derivados dos retrocesos na mesa de negociacións.
Desde a convocatoria o 31 de xaneiro até o inicio da greve o 7 de febreiro, o comité unitario asegura que a Administración non fixo ningún achegamento para evitar a paralización dos xulgados, que durante estas primeiras xornadas de folga suspenderon centos de xuízos e trámites no país. Desde os sindicatos, consideran que as declaracións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do vicepresidente e conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, só enquistan máis un conflito onde as posicións están aínda afastadas.
[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 284, á venda na loxa e nos quiosques habituais]