O xefe de informativos da Radio Galega reproduce as criticas do PP contra o Consello da Cultura polo seu informe sobre Altri

Alverto Varela, xefe de informativos da Radio Galega. (Foto: Arquidiocese de Santiago de Compostela).
Alberto Varela repetiu no espazo 'As claves do día' do programa 'Galicia por Diante', que dirixe Luís Ojea no seu treito informativo, os argumentos que esta quinta feira lanzaron os eurodeputados do PP Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez nun comunicado.

"No tema de Altri as cousas son sinxelas", afirmou esta mañá na Radio Galega o xefe de informativos da radio pública, Alberto Varela. "Se non cumpre coa normativa medioambiental non se pode instalar na Galiza, se cumpre si. Tanto é así que se cumpre os requisitos e se lle di que non o funcionario estaría prevaricando", resolveu.

Varela axiña virou o seu discurso cara o informe sobre Altri presentado esta quinta feira polo Consello da Cultura Galega (CCG), un estudo demoledor que bota por terra as promesas da factoría portuguesa e advirte do risco de "fractura do territorio" se o proxecto Gama vai adiante na Ulloa.

Un discurso calcado

O xefe de informativos da emisora pública acredita no traballo dos técnicos que están a avaliar a iniciativa, "que é o que toca", mais desacredita o traballo do colectivo de persoas expertas que nos últimos meses analizaron toda a información dispoñíbel sobre as intencións de Altri en Palas de Rei, a petición do CCG, para concluír que a súa oferta industrial achegará 1.956 empregos menos, requirirá 190.000 hectáreas máis de eucaliptos e suporá novos riscos para a saúde da veciñanza.

"Estas últimas horas coñeciamos un informe emitido polo Consello da Cultura Galega. Si, O Consello da Cultura Galega analizando un asunto medioambiental. Falan do impacto no turismo rural e lanzan hipóteses sobre que habería que plantar máis eucalipto. As cousas no seu contexto, outros informes din todo o contrario", reprochou Alberto Varela.

O seu discurso semella un calco do trasladado esta quinta feira polo Partido Popular tras se coñecer as principais conclusións do estudo. Nun comunicado, os eurodeputados Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez poñen en cuestión a experiencia e profesionalidade dos "supostos especialistas" que redactaron o informe.

Para o PP galego, o informe do CCG "contrasta coa independencia dos funcionarios da Xunta, que analizan a proposta de forma rigorosa e atendendo só a criterios técnicos".

Ademais, reprobaron a iniciativa do Consello nos mesmos termos que, poucas horas despois, reproduciu Varela na Radio Galega: "Que fai un órgano especializado en cultura valorando unha instalación industrial de tanta complexidade e envergadura", censurou esta quinta feira o PP.

Sarcasmo

Alberto Varela avanzou na súa análise cunha defensa do sector industrial, que na Galiza, dixo "representa 17% do PBI segundo datos do INE e o reto é chegar ao 20%". "Non por capricho", puntualizou, "senón porque nas fábricas cóbrase máis que nas cafeterías e o emprego adoita a ser máis estábel".

"Cando toque avaliar o estado da literatura ou do patrimonio ímoslle ter que pedir informe ao Consello de Biólogos", finalizou.