As dependentas de Inditex seguirán a protesta e farán folga o 27 de xuño, no inicio das rebaixas

Feche das traballadoras de Inditex en Arteixo. (Foto: Nós Diario)
O feche das delegadas rematou esta segunda feira cun desaloxo.  

O feche que varias traballadoras das tendas de Inditex realizaban na sede central da multinacional en Sabón, Arteixo (comarca da Coruña) rematou esta segunda feira en desaloxo pacífico. As seis representantes sindicais da CIG que se mantiveron firmes desde a pasada sexta feira pola mañá, decidiron deixar o encerro despois de que a compañía téxtil lles notificara que denunciarían a protesta e a posterior presenza de efectivos da Garda Civil nas instalacións. 

Unha das delegadas que participou na acción foi a delegada da CIG na Coruña de Stradivarius, unha das marcas da compañía, Lucía Domínguez. Explica a Nós Diario que desde o momento en que dous representantes de Inditex lles comunicaran por escrito que serían denunciadas “pensamos que acontecería en calquera momento”. O desenlace da protesta das traballadoras aconteceu pasadas as 21.30 horas, polo que a delegada sindical nacionalista entende que “agardaron a que o persoal da sede rematara a súa xornada laboral para que chegara a Garda Civil”.

As opcións que tiñan eran "a saída pacífica ou forzar unha situación de violencia", asegura Domínguez A CIG cualifica de "indignante" a insistencia de Inditex en "non cumprir os compromisos adquiridos por escrito" e critican que unha multinacional como esta, con millonarios beneficios, "opte agora por denunciar as súas propias traballadoras".

Asemblea urxente e folga       

Esta mesma terza feira convocouse unha asemblea de delegadas, con presenza de representantes de todas as cadeas. "Estamos valorando que accións debemos emprender a partir de agora", comenta Domínguez. Ademais, hoxe decorrerá unha reunión a nivel estatal na que a multinacional accede a negociar con CCOO, o sindicato con maior representación a nivel estatal mais non na Coruña onde a central nacionalista conta co apoio de 70% do persoal. 

"Respecta as maiorías do resto dos territorios menos as da Galiza", afirma esta sindicalista. Por este motivo, Domínguez asegura que malia que polo de agora a multinacional non quere negociar "seguiremos con máis forza que nunca" e non desbota que haxa novas accións antes do inicio das rebaixas este mesmo mes.

Precisamente ante o comezo dese período tan especial para o sector téxtil, a central nacionalista ten convocada unha xornada de folga nas tendas o 27 de xuño. "Polo de agora non sabemos como será ese día mais contamos coa experiencia da que realizamos o ano pasado",     conclúe a sindicalista.