VÍDEO NO INTERIOR

As traballadoras de Inditex fechadas en Arteixo: "Non nos moveremos até que nos desaloxen á forza ou abran unha negociación"

Pasaron toda a fin de semana nas oficinas da empresa, á que reclaman que faga efectivo o seu compromiso de reabrir "aquí" a mesa de negociación provincial.
Protesta das traballadoras de Inditex, esta segunda feira, na sede da empresa en Arteixo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta das traballadoras de Inditex, esta segunda feira, na sede da empresa en Arteixo. (Foto: Nós Diario)

Un sarcástico "que pasedes unha boa fin de semana" foi o último que escoitaron as dependentas de Inditex que a pasada sexta feira decidiron fecharse na sede central da compañía en Sabón, Arteixo (comarca da Coruña). E pasaron toda a fin de semana nas oficinas da empresa, á que reclaman que faga efectivo o seu compromiso de reabrir "aquí" a mesa de negociación provincial, tal e como se comprometeu no mes de decembro.

Esta segunda feira a protesta continúa. "Seguimos aquí no cuarto día de feche na sede de Inditex, esperando a ver se a empresa viu o da fin de semana. Seguimos sen saber nada da nosa negociación e non nos moveremos de aquí até que a empresa cumpra o compromiso que asinou con nós", di unha das traballadoras, nun vídeo difundido a primeira hora pola CIG. O pasado 15 de maio xa tivera lugar outro feche no que participaron 19 traballadoras das diferentes tendas mantiveron un feche no control de acceso á sede.

As delegadas da CIG, que representan máis de 70% das 1.400 empregadas que teñen o seu centro de traballo nalgunha das 40 tendas existentes na provincia, queren facer valer con esta acción reivindicativa o compromiso que lles trasladou Inditex o pasado mes de decembro de ter dereito a poder negociar na Galiza as súas condicións de traballo, ao igual que fan as compañeiras e os compañeiros doutras empresas do grupo.

Entre as reivindicacións concretas das traballadoras das tendas figuran cuestións que só afectan á provincia, como é o plus sede, a recuperación do plus de antigüidade, ou o estabelecemento do bono comedor -ou medida equivalente-. Mais tamén demandan medidas como a homoxeneización e a equiparación de todas as condicións entre as distintas cadeas: calendarios, libranza dos sábados, licenzas e descansos, categorías ou tamén as xornadas.

Inditex négase a negociar

Entre as traballadoras fechadas esta fin de semana, e que aínda segue encerrada cando se escribe este artigo, participa a presidenta do comité de Stradivarius da Coruña, Lucía Domínguez.  É unha das seis que se manteñen nas instalación, tres días despois de iniciar a protesta na que comezaron quince persoas. O primeiro contacto coa empresa foi durante as primeiras horas, “nada máis iniciar o feche, e foi para dicirnos que pasásemos unha boa fin de semana”, relata a Nós Diario.

Esta segunda feira, setenta e dúas horas despois de entrar nas instalacións, foi o segundo contacto. Segundo relata Domínguez, achegáronse dous representantes da multinacional que estiveron cinco minutos para comunicarlles que se mantiñan “na súa postura de non abrir unha negociación a nivel provincial -tal e como acordaron no documento que asinaron en decembro- e que trasladarían a situación a outro departamento “por considerar que estabamos nunha propiedade privada e non podiamos estar alí”. A súa “explicación” con respecto a esta postura, segundo a delegada sindical, é que “respectaban a representación da maioría sindical en Madrid, que é de CCOO, en vez de respectar a do noso ámbito provincial”.

En relación ao feche, Domínguez ten claro que se quedarán fechadas “o tempo que faga falta, até que nos desaloxen á forza ou a que abran unha mesa de negociación”. Esta mesma segunda feira recibiron o apoio de máis compañeiras con concentracións nas inmediacións ao mediodía.

Discriminación por parte da multinacional

“Temos un problema de discriminación na empresa desde sempre, non nos teñen en conta nin como interlocutoras nin como persoas con capacidade para decidir sobre as nosas condicións”, asevera Domínguez, “ademais con traballadoras e traballadores que temos a mesma cualificación, non nos estamos comparando co persoal de oficinas, administración ou comercial”, engade. Son casos que “teñen negociación na Coruña, directamente co persoal, e sen estar tutelados por ningún sindicato estatal”.

A delegada da CIG explica que as condicións que teñen “son moito mellores”, como no caso da redución de xornada e antigüidade. O trato ”diferencial” tivo outro capítulo hai un mes cando o persoal de Zara Loxística tiveron un problema coa carga de traballo e o calendario “e quedou solucionado en vinte e catro horas”, asegura Domínguez.

A mesa de Madrid, sen resultados para A Coruña

A CIG está convidada a participar nas reunións que teñen lugar en Madrid e asiste, regularmente, unha delegada da central nacionalista. “O que se está a negociar alá para nós non significa nada”, indica Lucía Domínguez a Nós Diario, “por exemplo, a nivel antigüidade, que é o que se está a tratar agora mesmo, en realidade serían cero euros para nós por tratarse de cantidades baixas que se absorberían por outros conceptos”, engade.

Ademais, no que ten a ver coa redución de xornada por idade, esta sindicalista  afirma que “os parámetros son máis baixos comparados co que xa teñen outros compañeiros como mozos de almacén ou Zara Loxística”. Por último, outros conceptos que entran na mesa, aclara, “nós xa os temos aquí desde hai moitos anos”.

Comentarios