"Que pasedes boa fin de semana": Inditex desatende as reivindicacións das dependentas da multinacional na Coruña

Traballadoras de Inditex na Coruña manteñen un feche nas instalacións da sede central da empresa para exixir retomar na Galiza as negociacións dos seus dereitos laborais.
Protesta solidaria ás portas da central de Inditex en Arteixo (comarca da Coruña) para reivindicar os dereitos laborais das dependentas da multinacional. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Protesta solidaria ás portas da central de Inditex en Arteixo (comarca da Coruña) para reivindicar os dereitos laborais das dependentas da multinacional. (Foto: Nós Diario).

"Que pasedes boa fin de semana". Foi toda a resposta que as dependentas e delegadas da CIG en Inditex na Coruña recibiron esta sexta feira da multinacional antes de fechar as portas da súa sede central en Arteixo (Comarca da Coruña) onde as traballadoras manteñen un encerro que xa supera as 24 horas.

Pasaron a noite nas oficinas da empresa, a quen reclaman que faga efectivo o seu compromiso de reabrir "aquí" a mesa de negociación provincial, tal e como se comprometeu no mes de decembro.

Indiferenza

"Continuamos fechadas nas instalacións ante o total desprezo e abandono por parte da dirección da empresa", publicaron nas súas redes sociais as dependentas antes retirar das máquinas expendedoras o pouco que alí quedaba para comer e buscar acubillo no chan para durmir algo durante a primeira noite de encerro.

A diferenza do que aconteceu cos compañeiros do almacén, explican as traballadoras de Inditex, cos que a multinacional accedeu a negociar, "ás compañeiras de tendas" ninguén as recibiu.

Porén o seu obxectivo é firme: permanecer nas instalacións até que a empresa acceda a negociar e concrete unha data para retomar as reunións da mesa fóra de Madrid.

Solidariedade

Este sábado, as persoas que permanecen fechadas na sede da multinacional –oito das 16 que iniciaron o encerro– recibiron a apoio de familiares amigas e compañeiras convocadas pola CIG-Servizos.

Na entrada principal de Inditex, no polígono de Sabón, protagonizaron unha protesta solidaria durante a cal lles entregaron alimentos, roupa, baterías de móbil e produtos de hixiene ás delegadas e traballadoras fechadas, que non gozan de facilidades nin dispoñen de víveres, por orde da empresa.

"A estratexia de Inditex agora é dicir que non existe tal encerro, que elas están alí, na súa casa e que poden facer o que queiran, pero o certo é que a empresa pasa de todo e cortar cortoulles a luz para que non teñan sequera como cargar os móbiles", asegurou en declaracións a Nós Diario Roberto Pérez, secretario da CIG-Servizos da Coruña. Segundo dixo, pola noite tiveron as luces acesas "para que non puidesen descansar".

'Negociación aquí'

A multinacional non deu ningún paso máis para relanzar o diálogo. "Segue alegando que a negociación está aberta en Madrid, pero ese non é o marco que nos vale, porque ademais en Madrid están ofrecendo cousas que non afectan á Coruña, sobre todo polo que se refire á antigüidade".

Desde a CIG exixen conservar o ámbito de negociación que existiu até o de agora coas traballadoras, que é o provincial e co que non lles foi nada mal".

As traballadoras de tenda de Inditex continuarán o seu feche até a segunda feira. Entón valorarán que outras accións cómpren para defender o dereito a negociar na Galiza as súas condicións laborais.

Comentarios