O persoal de Alcoa négase a renegociar coa empresa e esixe a supervisión de Xunta e Goberno estatal se hai venda

O presidente do comité de empresa de Alcoa, José Antonio Zan (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press).
Piden reunirse coas asesorías xurídicas da Xunta e o Goberno estatal para traballar xunto ao comité de empresa e os sindicatos sobre "posíbeis delitos de estafa, sabotaxe, alzamento de bens e ruptura da paz social ao rachar o convenio e os acordos asinados".

O comité de empresa de Alcoa reuniuse cos traballadores e traballadoras da empresa esta terza feira para trasladarlles as decisións acordadas na última xuntanza, entre as que están "non renegociar" coa empresa e esixir a supervisión da Xunta e o Goberno estatal en caso de venda.

Máis concretamente e segundo explicou o presidente do comité, José Antonio Zan, ademais de refugar a posibilidade de renegociar o plan de viabilidade, esixen que a SEPI (por parte do Executivo estatal) e o Igape (por parte da Xunta) estean presentes na negociación dunha posíbel venda.

Recuperan ademais unha reclamación recorrente, que é a de reclamar ás administracións un prezo da enerxía máis competitivo "que garanta a viabilidade do complexo".

Ademais, solicitan reunións co presidente da Xunta da galiza, Alfonso Rueda, coa directora xeral de Enerxías Renovábeis e Cambio Climático, Paula Uría; e co secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, para recibir información sobre a balsa de lodos e os parques eólicos da Xunta.

Tamén desexan reunirse co secretario xeral do PSdeG, José Ramón Besteiro, e coa socialista Patricia Otero para que lles informen dos parques de transición ecolóxica que "seguen sen aprobarse".

Por último, piden reunirse coas asesorías xurídicas da Xunta e o Goberno estatal para traballar xunto ao comité de empresa e os sindicatos sobre "posíbeis delitos de estafa, sabotaxe, alzamento de bens e ruptura da paz social ao rachar o convenio e os acordos asinados".