CCOO acusa Alcoa de "estafa" e "sabotaxe" en San Cibrao

Nun comunicado, o sindicato asegura que "Alcoa non gaña diñeiro porque non quere", posto que o prezo do aluminio está en máximos e cos prezos "máis baixos da enerxía en Europa".
Vista da factoría de Alcoa en San Cibrao, no municipio de Cervo, na comarca da Mariña (Foto: Joe McUbed).
photo_camera Vista da factoría de Alcoa en San Cibrao, no municipio de Cervo, na comarca da Mariña (Foto: Joe McUbed).

A Secretaría Xeral de Industria de Comisións Obreiras (CCOO.) acusa Alcoa de estar "a incumprir" o acordo de viabilidade da planta de San Cibrao, en Cervo (A Mariña), porque quere "pechar" a fábrica, "o que deixa claro a gran posibilidade de que se estea cometendo un presunto delito de estafa, ademais de sabotaxe ás instalacións por desmantelalas sen intención de refacelas".

Nun comunicado, o sindicato asegura que "Alcoa non gaña diñeiro porque non quere", posto que o prezo do aluminio está en máximos e cos prezos "máis baixos da enerxía en Europa".

De feito, estima que podería estar a gañar 1.000 euros por tonelada de aluminio, que darían lugar a máis de 200 millóns de ganancia. Segundo os seus cálculos, a compañía está a gañar tres millóns de euros pola reactivación de 32 cubas, a pesar de que a empresa "dicía que levaría a perdas inasumíbeis".

"Todo isto fainos pensar que Alcoa segue coa súa folla de ruta, que non é outra que pechar a factoría e en ningún caso cederlla a un competidor, porque sabe que a planta é viable e non lla vai a deixar á competencia", avisa a central.  

Por todo iso, este sindicato insta o Goberno español e a Xunta da Galiza a que "interveñan a empresa, tal e como a cidadanía, o comité, o Congreso", pediron.

Comentarios