Persoal de Correos de Lalín exixe a cobertura das prazas vacantes

Concentración de persoal de Correos, onte, en Lalín (O Deza). (Foto: Nós Diario)
Carteiras e carteiros denuncian unha sobrecarga de traballo que xa repercute no seu "benestar físico e psicolóxico".

Traballadoras e traballadores de Correos de Lalín (O Deza) continuaron esta quitna feira as mobilizacións para reclamar á empresa pública que cubra as catro prazas vacantes e rematar así coa sobrecarga laboral que están asumindo. Desta volta, e logo de seis meses de protestas, o persoal concentrouse na entrada da feira onde fixeron un acto simbólico de queima da proposta trasladada por Correos para paliar esta situación: redistribuír a carga de traballo entre os carteiros e carteiras que quedan e proceder á extinción das actuais prazas vacantes.

O responsábel comarcal da CIG-Correos, José Blanco, denuncia que a redistribución que formula a empresa "non supón unha solución á precaria situación laboral das e dos carteiros, xa sobrecargados para poder cumprir coas obrigas das súas rutas e das outras catro rutas carentes de cobertura". Ao contrario, o que pretende Correos significa “cronificar un problema que xa comezou a repercutir no benestar físico e psicolóxico do persoal”, o cal "se ve forzado a realizar intensas xornadas de traballo, a raíz das que xa se produciron varios accidentes e baixas por estados de ansiedade e estrés prolongados".

Apunta Blanco que a actual sobrecarga de traballo dificulta cumprir coa lexislación postal vixente, que contempla o reparto diario de correspondencia en todo o territorio. "Isto implica unha perda significativa na calidade do servizo público que realiza Correos co conseguinte prexuízo para a veciñanza".

Ademais, a proposta de reestruturación veu acompañada dunha petición de “rebaixar a intensidade das protestas”. Porén, os carteiros e as carteiras de Lalín "queremos manifestar que as concentracións continuarán até que se cumpran as nosas demandas e se atope unha verdadeira solución efectiva e a longo prazo".

De igual xeito, malia que Correos xustifica que pon reforzos de persoal en temporadas de maior traballo, a realidade é que estes reforzos "son parches", afirman, e en moitos casos “non se cobren tampouco as vacacións do persoal”.

Así, salienta o representante da CIG, de sete carteiras e carteiros que debería haber para atender o casco urbano de Lalín, "a pasada semana había traballando dous e a presente comezaba con tres". Esta falta de efectivos "supón incrementar de xeito desmesurado a sobrecarga que xa vimos soportando, cando nós somos a cara visíbel da empresa ante a veciñanza".

Con respecto ás poucas contratacións que se realizan, o persoal eventual, inscrito nunhas bolsas de emprego cuxas listaxes non son públicas, ten denunciado a opacidade na contratación e manifestado o seu malestar polas continuas irregularidades que aprecian.

Por outra banda, Blanco indica que o empregado con destino en Barcelona que leva oito meses solicitando unha conciliación a Correos para desprazarse a Lalín "continúa vendo como a empresa desoe as súas peticións", mentres que o desprazamento no concurso de traslados ofrecido inicialmente como solución tampouco chega, "xa que transcorridos sete meses do presente 2024 non se produciu aínda a primeira asignación do concurso neste ano".