Opinión

Adianto electoral inevitábel

O vindeiro 16 de setembro celebraranse as eleccións ao Parlamento de Galiza. Así se afirmou hai poucos días en diferentes crónicas informativas. A data seica foi unha imposición de Rajoy a un Feijóo que prefería esgotar mandato e celebralas cando correspondían, no primeiro trimestre do próximo ano.


O vindeiro 16 de setembro celebraranse as eleccións ao Parlamento de Galiza. Así se afirmou hai poucos días en diferentes crónicas informativas. A data seica foi unha imposición de Rajoy a un Feijóo que prefería esgotar mandato e celebralas cando correspondían, no primeiro trimestre do próximo ano. A falta de confirmación oficial, que só poderá vir en forma de decreto de disolución do Parlamento galego, o certo é que esa data xa se toma como unha referencia máis que probábel.

No criterio atribuído a Rajoy, de seguro pesa o cálculo estritamente electoral. En Génova están a calibrar cal é o mellor momento para a celebración dos comicios autonómicos en Galiza. Fano desde a previsión, ou certeza, de que nos vindeiros meses haberá novas e máis fortes vagas de recortes e contrareformas. Saben que as mesmas han provocar, como é lóxico, unha importante contestación social. En síntese, a decisión da matriz española do PP opera dentro da pura economía de custes. De custes electorais propios.

En troques, a postura que disque sostivo o actual Presidente da Xunta sintomatizaría algo ben diferente. Feijóo é consciente que unha vez consumida a meirande parte da lexislatura o balanzo concreto das políticas do seu goberno non pode ser peor. O líder do PP en Galiza estaría a procurar gañar tempo, inda que só fosen uns poucos meses máis, co obxectivo de tentar lavar a cara no último intre a unha pésima xestión. De ser veraz, esa preferencia sería máis unha constatación do fracaso político dun goberno galego demostrada e reiteradamente incompetente e incapaz. O recente anuncio oco dunha virtual 'Axencia Tributaria Galega' encádrase nesa estratexia.

A Xunta do Partido Popular apenas exerceu as súas capacidades e competencias para un duplo, e miserento, fin. Dunha banda exercer de sucursal dos ditados do PP español, practicando o mero seguidismo das súas políticas neoliberais. Por outra, axir como unha verdadeira maquinaria de demolición de todos os avances realizados polo anterior goberno bipartito. O seu afán destrutor cebouse de xeito especial sobre as principais liñas políticas desenvolvidas polo nacionalismo galego desde a Xunta. En todos os ámbitos. Na normalización do idioma propio, nas atención á dependencia, na promoción e valorización do medio rural, na política de vivenda, no desenvolvemento industrial ou na dinamización cultural.

A maioría absoluta, polos pelos, foi empregada como un rodete totalitario para forzar unha involución política, retrotraendo o país ao peor da Era Fraga. O Consello da Xunta de Galiza caracterizouse pola súa incapacidade para dar resposta ás necesidades do país, e nomeadamente ás da maioría social. Non fixeron ren nin para defender o exiguo e ultralimitado ámbito competencial autonómico no que din crer. E non o fixeron porque non acreditan nin no autogoberno nin no país.

Fronte os efectos da crise sistémica nas clases populares, o goberno Feijóo por acción e -sobre todo- por omisión supuxo un agravante dos mesmos. Así o demostra a taxa de desemprego record, despois de sermos teimudamente lideres en destrución de postos de traballo -por riba do ritmo estatal-, ou o esmorecemento de sectores produtivos fulcrais para a nosa economía como a construción naval, a automoción ou a industria en xeral. Durante estes máis de tres anos o goberno galego só contribuíu a afogar inda máis á maioría social.

Con este panorama insoportábel o posíbel adianto electoral non só é inevitábel senón mesmamente imprescindíbel. Hai que botalos. Canto antes.

Comentarios